A proba acadou o límite de inscricións e consolídase como unha das baixadas con maior participación de Galicia.

Soutomaior, 28 de agosto. Soutomaior celebra mañá, sábado 29 de agosto, a vixésima edición da Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba, unha das citas máis destacadas do calendario deportivo e festivo do municipio. A proba está organizada polo Concello de Soutomaior, a Escudería Pozovello e a Asociación de Veciños de Pozovello e reunirá un total de 65 carrilanas, acadando o límite de inscricións establecido.

Esta elevada participación sitúa a Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba entre as probas deste tipo con maior número de participantes de Galicia, consolidando unha cita que chega este ano á súa vixésima edición. Ademais, a baixada será puntuable para a Copa Galicia, o que permitirá aos participantes competir polos puntos do campionato galego.

A xornada comezará pola mañá. Ás 11:00 horas terá lugar a verificación das carrilanas, mentres que ás 12:00 horas se celebrará a baixada de adestramento, que permitirá aos participantes familiarizarse co percorrido antes das mangas oficiais.

A competición continuará pola tarde, a partir das 17:00 horas, con dúas baixadas oficiais. Unha vez rematada a competición terá lugar a entrega de premios, seguida do sorteo das rifas. A programación pecharase cunha sesión de DJ.

Nesta vixésima edición participarán carrilanas encadradas en once categorías diferentes, con todo tipo de bólidos entre os que se atopan os de madeira, rodamientos, neumáticos, karts, skeleton, gravity bike e speed trike, entre outros.

Durante a xornada, o recinto contará tamén con postos de venda de comida e bebida, co obxectivo de facilitar que o público poida desfrutar da competición durante toda a xornada.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “chegar á vixésima edición cunha participación de 65 carrilanas e tendo que pechar as inscricións é unha mostra do importante que se converteu esta cita para Soutomaior e para o conxunto de Galicia”. O alcalde puxo tamén en valor “o traballo da Escudería Pozovello e a Asociación de Veciños de Pozovello para facer posible unha nova edición dunha proba que combina deporte, participación e tradición”.

Pola súa banda, o presidente da Escudería Pozovello e da Asociación de Veciños de Pozovello, José Daniel Álvarez Raña, destacou o carácter especial desta edición: “Chegar á vixésima edición emociona, porque detrás desta baixada hai moitos anos de traballo, ilusión e compromiso de moitas persoas. Cada ano facemos que as carrilanas volvan correr por Arcade de Riba e que esta xornada se converta nun deses días que a veciñanza agarda durante todo o ano”. Álvarez Raña animou a todo o público a achegarse mañá á proba e “vivir o ambiente, animar aos pilotos e desfrutar dunha xornada que xa forma parte da identidade de Arcade de Riba”.