O Concello de Soutomaior deu un novo paso para mellorar as infraestruturas deportivas municipais coa publicación, no día de onte, da licitación da obra de reforma e instalación de tres pistas de pádel no complexo deportivo da Montesiña. O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de xullo.

16 de xuño, Soutomaior. O pádel é un deporte con gran arraigamento en Soutomaior, onde existen dous clubs e máis de 400 persoas usuarias que practican esta disciplina de maneira habitual. A construción destas novas pistas responde á crecente demanda deste deporte no municipio e á necesidade de contar con instalacións modernas e axeitadas ás necesidades das persoas usuarias, garantindo así un mellor servizo e fomentando a práctica deportiva entre a veciñanza.

A actuación permitirá transformar a actual pista de tenis situada na parte baixa do recinto en tres novas pistas de pádel, ademais de ampliar a bancada lateral e adaptar a cuberta ás novas dimensións da superficie de xogo. O investimento supera os 260.000 euros e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan +Provincia 2026-2027.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “seguimos avanzando na modernización das instalacións deportivas municipais para ofrecer espazos de maior calidade e responder ás demandas actuais da veciñanza. Esta actuación supón un paso importante para consolidar a Montesiña como un referente deportivo no municipio”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, subliñou que “o pádel é unha disciplina cunha demanda crecente en Soutomaior e estas novas pistas permitirán ampliar a oferta deportiva municipal, mellorar as condicións de práctica e facilitar a organización de actividades e competicións”.

Desde o Goberno local sinalan que, unha vez rematado o proceso de contratación, as obras executaranse cun prazo previsto de catro meses.

O Concello de Soutomaior tamén está a traballar na contratación dun novo proxecto nas inmediacións das pistas de pádel. A actuación contempla a creación dun complexo deportivo ao aire libre con dúas pistas de tenis, co obxectivo de ampliar a oferta de instalacións municipais e completar este espazo cunhas infraestruturas modernas, renovadas e pensadas para o desfrute da veciñanza.