A Biblioteca Municipal Luís Seoane conmemora o Día das Escritoras e o Día das Bibliotecas cunha ampla proposta de actividades gratuítas que inclúe teatro, música, encontros literarios, obradoiros, maxia e monicreques.

Soutomaior, 10 de outubro. O Concello de Soutomaior pon en marcha unha nova edición de ‘Dálle a volta á Biblioteca!’, un proxecto impulsado pola concellería de Cultura para conmemorar dúas datas destacadas no calendario cultural: o Día das Escritoras, o 19 de outubro, e o Día das Bibliotecas, o 24 de outubro. O programa, ademais, vén de gañar o premio María Moliner do Ministerio de Cultura.

Baixo o lema ‘Tribo lectora’, a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, deu a coñecer esta iniciativa que se desenvolverá ao longo do mes de outubro cun programa amplo e variado de actividades gratuítas, pensadas para achegar a lectura, a creación literaria e as distintas expresións culturais a persoas de todas as idades, con especial atención ao público familiar.

A programación inclúe propostas para descubrir a literatura desde diferentes perspectivas, compartir experiencias arredor dos libros e converter a biblioteca nun espazo de encontro, participación e convivencia interxeracional.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destaca a importancia de seguir abrindo a biblioteca á veciñanza e de ofrecer novas formas de achegarse á lectura: «Queremos que a Biblioteca Luís Seoane siga sendo moito máis ca un lugar ao que acudir para coller un libro. Queremos que sexa un espazo vivo, no que persoas de todas as idades poidan descubrir historias, crear, compartir e gozar da cultura en comunidade, formando parte dunha auténtica ‘Tribo lectora’».

Un programa que comeza o Día das Escritoras

A programación arrancará o luns 19 de outubro, coincidindo co Día das Escritoras, cunha xornada dedicada á figura de Anisia Miranda e á súa vinculación con Soutomaior.

A tarde comezará ás 18.00 horas co espectáculo teatral infantil e familiar ‘A ra que perdeu o charco’, un texto de Anisia Mirada que será representado pola asociación Fonte da Tella. Ás 19.00 horas celebrarase a mesa coloquio ‘Anisia Miranda e Soutomaior: a historia que cruzou o Atlántico’, moderada pola bibliotecaria municipal, Patricia R. Saavedra, e na que participarán Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas; Carmiña de Soutomaior, voz vencellada á cultura galega; e a asociación de teatro Fonte da Tella, representada polo seu director, Salvador Álvarez Ledesma, e polo seu presidente, Suso Fernández.

Ese mesmo día, ás 19.00 horas, mentres ten lugar a mesa coloquio para público adulto, tamén se desenvolverá un obradoiro infantil, ‘Meu pequeno libro’, a cargo de Conmoitoagarimo e dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos, cun máximo de dez prazas e inscrición previa. A xornada completarase, ás 20.00 horas, cunha actuación musical da Asociación Ghramalleira, con voz, pandeireta e acordeón.

Literatura, creatividade e espectáculos para todas as idades

O programa continuará o xoves 22 de outubro, cun obradoiro de velas literarias impartido por Efímera Ritual, dirixido ao público adulto a partir de 18 anos, de 18.00 a 20.00 horas, con quince prazas dispoñibles que se cubrirán con inscrición previa.

O venres 23 de outubro, ás 18.00 horas, será a quenda de ‘Historias fabulosas coa maxia’, unha proposta de 2 Minds Combined destinada ao público familiar, con nenos e nenas a partir de 4 anos. A actividade será gratuíta e non precisará inscrición previa.

O mércores 28 de outubro, a tradición galega será a protagonista con ‘Barriga Verde no Camiño’, unha proposta familiar arredor da cultura e dos monicreques. A programación comezará ás 17.00 horas cun pasarrúas co xigante, desde o cruzamento de Pierres ata a biblioteca. Ás 17.30 horas terá lugar un obradoiro de construción de monicreques e, ás 19.00 horas, unha función de títeres. Estas actividades están pensadas para o público familiar, con menores de 8 anos acompañados das súas nais ou pais.

Un Día das Bibliotecas para celebrar en comunidade

O Día das Bibliotecas será celebrado o luns 26 de outubro. Ás 17.30 horas, terá lugar ‘Menú lector. Lemos en familia’, a cargo de Donde viven los cuentos. A actividade está dirixida a familias con menores acompañados das súas nais ou pais e contará con vinte prazas, con inscrición previa.

Ademais, para conmemorar o Día das Bibliotecas, o Concello agasallará cun detalle moi especial ás persoas usuarias que o luns 26 acudan á Biblioteca Municipal Luís Seoane para levar en préstamo un libro, unha revista, un xogo de mesa ou calquera outro material dos fondos bibliotecarios.

A programación pecharase o venres 30 de outubro. Ás 18.00 horas celebrarase unha edición especial de ‘A hora do conto’, da man de OQO editora, dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. A actividade contará con vinte prazas e requirirá inscrición previa.

Inscricións e participación

Todas as actividades serán gratuítas. As propostas con prazas limitadas requiren inscrición en liña, dispoñible desde o martes 13 de outubro ás 9.30 horas, dentro dos prazos establecidos para cada actividade. As restantes desenvolveranse ata completar o aforo.

Con esta nova edición de ‘Dálle a volta á Biblioteca!’, o Concello de Soutomaior reafirma o seu compromiso coa promoción da lectura, o acceso á cultura e a dinamización da Biblioteca Municipal Luís Seoane como un espazo aberto, participativo e próximo á veciñanza.