O Concello pide á veciñanza que solicite a tarxeta canto antes e ofrece bolsas compostables gratuítas na Casa do Concello e no Punto Limpo da Montesiña.

Soutomaior, 26 de outubro. O Concello de Soutomaior instalou xa os novos contedores marróns con apertura mediante tarxeta na zona urbana de Arcade para mellorar a recollida selectiva dos residuos orgánicos, dentro da campaña ambiental Conscientes, Medra en verde.

A veciñanza poderá depositar nestes contedores os restos orgánicos xerados nos fogares. Para utilizalos, deberá dispoñer dunha tarxeta de acceso, que se pode solicitar, de maneira totalmente gratuíta, na Casa do Concello, de 9:00 a 14:00 horas, ou no Punto Limpo da Montesiña en horario de 9:00 a 13:00h.

O Concello lembra que os antigos contedores marróns que funcionan con chave serán retirados, polo que pide ás persoas usuarias que tramiten a nova tarxeta canto antes. Ademais, repartiranse bolsas compostables gratuítas, dispoñibles tanto nas dependencias municipais como no Punto Limpo.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca a importancia de separar correctamente os residuos: «A materia orgánica é unha das fraccións máis caras de tratar cando non se separa correctamente. Facelo ben axúdanos a reducir custos e a coidar o medio ambiente. Con estes novos contedores queremos facilitar a separación dos residuos e avanzar cara a un Soutomaior máis sostible».

Con esta medida, o Concello continúa desenvolvendo a campaña Conscientes, Medra en verde, centrada na concienciación ambiental e na mellora da xestión dos residuos municipais.