O Concello lembrou a decisión histórica adoptada en 1979, cando Soutomaior se converteu no primeiro municipio do mundo en dedicar unha rúa ao galeguista, nunha xornada que tamén reivindicou o compromiso e o legado do daquela alcalde, Fernando Pereira.

Soutomaior, 8 de outubro. A Casa do Concello de Soutomaior acolleu este domingo, 8 de novembro, o acto institucional «A Rúa da Dignidade», unha homenaxe a Alexandre Bóveda e á decisión adoptada en 1979 polo goberno municipal encabezado polo daquela alcalde, Fernando Pereira, de dedicarlle unha rúa ao histórico galeguista. Unha iniciativa que converteu Soutomaior no primeiro concello do mundo en levar o nome de Alexandre Bóveda ao rueiro e que, case cinco décadas despois, continúa sendo un símbolo de memoria, compromiso e dignidade.

O acto, enmarcado na programación do III Foro da Memoria Histórica de Soutomaior, contou coa participación da concelleira de Memoria Histórica, Silvia Cernadas; do alcalde, Manu Lourenzo; e de Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda e presidenta honorífica da Fundación Alexandre Bóveda.

A xornada comezou cun acto institucional no concello de Soutomaior coa colocación dunha placa de pedra co nome de Alexandre Bóveda. A continuación o acto trasladouse á Casa da Cultura Rexina Míguez Noval.

Durante a súa intervención, Silvia Cernadas puxo o foco na importancia de recuperar tamén a memoria de quen fixo posible aquela decisión, especialmente a figura de Fernando Pereira, primeiro alcalde da democracia en Soutomaior.

«Todas as homenaxes quedan curtas para recoñecer o traballo de Pereira. Foi unha persoa que abriu camiños e que trouxo de Montevideo ideas progresistas, tamén no ámbito do ensino», destacou a concelleira, que lembrou outras iniciativas impulsadas naquela etapa, como a creación da biblioteca municipal, á que se lle deu o nome de Luís Seoane, ou o Premio Lois Peña Novo, que situaron Soutomaior entre os primeiros

Un dos momentos máis emocionantes do acto chegou coa intervención de Amalia Bóveda, que agradeceu ao Concello de Soutomaior que manteña viva a memoria do seu pai e lembrou o significado que aquel xesto de 1979 tivo para a súa familia. «Cada vez que chego a Soutomaior e miro a rúa Alexandre Bóveda, estou na verdadeira Rúa da Dignidade», afirmou. A filla do galeguista explicou que, para unha familia que soportou o peso do silencio durante corenta anos, Soutomaior ocupa «un lugar sagrado no noso corazón».

Amalia Bóveda destacou especialmente a valentía do Concello ao adoptar aquela decisión cando a democracia apenas comezaba a dar os seus primeiros pasos: «Este Concello tivo unha valentía enorme. Cando un concello pon o nome de Alexandre Bóveda a unha rúa está adquirindo un compromiso: defender que a honestidade e o rigor non se negocian».A presidenta honorífica da Fundación Alexandre Bóveda concluíu cun agradecemento ao goberno municipal por manter acesa esa chama e por seguir unindo arredor da memoria e do legado do seu pai.

A lectura da carta de despedida de Alexandre Bóveda, a cargo do escritor e narrador Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, foi outro dos instantes máis sentidos da mañá, nunha intervención que achegou ás persoas asistentes as palabras e o pensamento do galeguista nos seus últimos momentos.

O peche institucional correu a cargo do alcalde, Manu Lourenzo, que reivindicou a figura de Fernando Pereira e a súa importancia na configuración do galeguismo, do nacionalismo e na construción dun modelo de sociedade máis xusta.

«Eu pensaba que falar de memoria era poñer en valor as persoas que nos converteron no que somos, que tanto achegaron a unha sociedade mellor e máis xusta. Pero creo que hai algo máis importante: a memoria ten que servirnos para entender o presente».

Para Manu Lourenzo, a memoria histórica debe ofrecer perspectiva e ferramentas para interpretar o presente e evitar que se repitan os erros do pasado. Nese sentido, reivindicou o valor das últimas palabras de Alexandre Bóveda: «No seu testamento vital non sobra nin falta ningunha palabra. Temos moito que aprender dese valor de enfrontarse á barbarie».

O rexedor agradeceu tamén a presenza de Amalia Bóveda, á que definiu como «ese facho que nos conecta e que é tan importante en termos de esperanza», e lembrou figuras como Castelao e Alexandre Bóveda, que deron a súa vida na defensa de Galicia e da xustiza social.

Unha xornada para sacar a memoria á rúa, recuperar a historia local e reivindicar o compromiso de quen, nos primeiros anos da democracia, decidiu que Alexandre Bóveda debía ter un lugar permanente na vida pública de Soutomaior.

O acto institucional forma parte do III Foro da Memoria Histórica, unha programación que conta coa colaboración da Fundación Alexandre Bóveda e que incluíu tamén unha mesa redonda sobre o legado do galeguista e un espectáculo de danza contemporánea, que terá lugar esta tarde no Multiúsos, actividades coas que o Concello busca manter vivo o debate arredor da memoria, da identidade e da defensa dos valores democráticos.