O Goberno local leva ao pleno unha moción, aprobada cos seus votos a favor e a abstención do PP, para opoñerse a un proxecto que contempla catro aeroxeradores e 15 torretas de alta tensión que atravesarían o municipio.
Soutomaior, 27 de novembro. O Concello de Soutomaior aprobou no pleno municipal unha moción en defensa do medio natural e en contra do proxecto do parque eólico de San Xinés, unha iniciativa que o Goberno local considera unha grave ameaza para a paisaxe, o territorio e os dereitos da veciñanza.
O alcalde, Manu Lourenzo, explicou que, pola gravidade das posibles afeccións, o Goberno decidiu levar esta cuestión ao pleno municipal, en lugar de abordala unicamente na Xunta de Goberno, para favorecer un posicionamento institucional claro e compartido.
O proxecto contempla a instalación de catro aeroxeradores, con bases de formigón de arredor de 50 metros, ademais dunha liña de evacuación eléctrica con 15 torretas de alta tensión que atravesaría o municipio. Unha infraestrutura de grandes dimensións que, segundo advertiu o rexedor, provocaría un importante impacto visual, visible desde a fachada da ría e desde o peirao de Arcade, ademais de posibles afeccións a espazos da Rede Natura, comunidades de montes e outras infraestruturas municipais.
«Estamos ante unha cuestión moi grave para Soutomaior. Falamos de catro aeroxeradores que son auténticas moles, con bases de 50 metros de formigón, e de 15 torretas de alta tensión atravesando o noso concello. Non só teriamos que soportar o impacto directo destas instalacións, senón tamén unha afección paisaxística tremenda, visible desde a fachada da ría e desde o propio peirao de Arcade», sinalou Manu Lourenzo.
O alcalde manifestou a súa preocupación pola dimensión das afeccións recollidas na documentación do proxecto, que chegou ao Concello. Entre os puntos que máis preocupan ao Goberno local está o trazado da liña eléctrica, que inclúe unha torretas, alguna delas, próximas a un centro escolar e tamén ao Ecoparque Empresarial, coas consecuencias que pode ter sobre o territorio, as servidumes e as comunidades de montes.
«Como Goberno de Soutomaior temos que dicir alto e claro que non imos aceptar de ningunha maneira un atentado contra a nosa paisaxe, o noso territorio e os nosos dereitos. Non todo vale para beneficiar ás eléctricas. Estamos ante unha agresión sen precedentes e non podemos permitir que 17 destas grandes infraestruturas condicionen o futuro do noso concello», afirmou.
O Concello combaterá o proxecto por todas as vías
Manu Lourenzo avanzou que o Concello actuará por todas as vías ao seu alcance para frear o desenvolvemento do parque eólico, tanto desde o ámbito político e administrativo como desde o social. Neste sentido, anunciou a presentación de alegacións durante o período de exposición pública e reclamou á Xunta de Galicia que non autorice o proxecto.
«Imos combater este proxecto por todas as vías: a política, a administrativa e a social. O que lle pedimos á Xunta é que non autorice esta barbaridade ambiental para o noso territorio. É necesario escoitar a veciñanza e defender os intereses de Soutomaior por riba de calquera outro interese», subliñou.
O alcalde lamenta a abstención do PP
O rexedor tamén expresou a súa decepción pola abstención do Partido Popular na votación da moción, xa que agardaba que a iniciativa contase co apoio unánime da Corporación municipal.
«Contaba con que esta moción saíse adiante por unanimidade. Non entendo que o PP se absteña ante unha cuestión destas características, nin que sexa incapaz de sumarse a unha posición común en defensa de Soutomaior. Isto non vai de siglas políticas, vai de defender o noso concello, a nosa paisaxe e os dereitos da nosa veciñanza», concluíu.
O Goberno local considera que a defensa do medio natural e do territorio debe ser unha prioridade compartida e reitera a súa vontade de traballar para impedir que este proxecto poida provocar danos irreversibles en Soutomaior.
O Concello de Soutomaior amosa a súa sorpresa ante este novo atraso e denuncia que a veciñanza podería non contará coa infraestrutura, segundo o cronograma comunicado pola Xunta, ata o ano 2030-2031
Soutomaior, 26 de novembro. O Concello de Soutomaior recibiu a comunicación do SERGAS na que se informa da prorroga durante catro anos máis do convenio para a construción do novo Centro de Saúde de Arcade, asinado no ano 2022.
Esta decisión supón un novo atraso para unha infraestrutura sanitaria que a Xunta de Galicia leva anos anunciando e que, segundo o cronograma trasladado agora pola propia Administración autonómica, podería non estaría dispoñible para a veciñanza de Soutomaior ata os anos 2030-2031.
O Goberno municipal considera especialmente grave esta situación, xa que supón incumprir os compromisos recollidos no convenio asinado en 2022 e prolongar durante anos a espera por un equipamento considerado prioritario para o municipio.
Ademais, a Xunta de Galicia solicitou ao Concello de Soutomaior a sinatura desta prórroga do convenio, trasladándolle así a necesidade de ampliar outros catro anos os prazos inicialmente establecidos para a construción do novo centro de saúde. Unha petición que sorprende ao Goberno local, tendo en conta que o Concello cumpriu cos compromisos asumidos e puxo á disposición da Administración autonómica os terreos necesarios para executar a actuación.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, amosou a súa sorpresa ante esta nova comunicación e lembrou que o Concello fixo os deberes e puxo á disposición da Xunta os terreos necesarios para a actuación. “Desde que tomou posesión o actual Goberno municipal, en apenas un ano fomos capaces de desbloquear unha situación que levaba case tres anos paralizada e completar os trámites necesarios para poñer os terreos á disposición da Xunta”, explicou Lourenzo.
Neste sentido, o alcalde sinalou que o Concello entregou á Xunta as referencias catastrais dos terreos e que a Administración autonómica non aceptou formalmente estes terreos ata xaneiro de 2025, aproximadamente seis meses despois de que o Concello os puxese á súa disposición.
“En 2024 a Xunta xa tiña a posibilidade de avanzar na construción do Centro de Saúde de Arcade. O Concello cumpriu coa súa parte, pero agora comprobamos que, por algún motivo, esta infraestrutura non foi considerada unha prioridade pola Xunta”, lamentou o alcalde.
Seis anos despois, máis atrasos
Manu Lourenzo lembrou tamén que xa no ano 2021 a Xunta de Galicia anunciaba investimentos e partidas para o futuro Centro de Saúde de Arcade, polo que considera especialmente difícil de entender que, seis anos despois, non só non se materializase a infraestrutura, senón que agora se soliciten outros catro anos de prórroga.
“Estamos falando dunha infraestrutura que a Xunta leva anunciando desde hai anos. Primeiro falábase de investimentos e de prazos, despois asinouse un convenio no ano 2022 e agora comunícannos que precisamos catro anos máis. Isto significa que a veciñanza de Soutomaior terá que seguir agardando ata 2030 ou 2031”, sinalou Lourenzo.
Lourenzo insistiu en que o Concello seguirá traballando para desbloquear todas estas actuacións e reclamará á Xunta de Galicia que cumpra cos seus compromisos e axilice os trámites dos que é responsable. “O Concello sempre estará disposto a colaborar, pero a veciñanza non pode seguir pagando os atrasos”. O alcalde deixou claro que o Goberno municipal manterá unha actitude de colaboración con todas as administracións, independentemente da súa cor política, sempre que exista un compromiso real coa veciñanza. “O Goberno de Soutomaior vai traballar man con man con calquera administración que poña por diante os intereses das veciñas e dos veciños. Pero colaborar non significa calar ante os atrasos nin aceptar que unha infraestrutura sanitaria anunciada durante anos se vaia atrasando ata 2030 ou 2031”, afirmou.
“A nosa obriga é defender os intereses de Soutomaior e esixir que se cumpran os compromisos adquiridos. A veciñanza merece un novo Centro de Saúde de Arcade e merece tamén que se lle dea unha data real e que se cumpra cos prazos comprometidos”, concluíu Manu Lourenzo.