Tiganus ofreceu onte no Mulitúsos unha exitosa charla de preto de dúas hora baixo o título “Conexións entre a violencia sexual, a pornografía e prostitución. Propostas para unha sexualidade saudable”. Hoxe estivo nos institutos do concello, no IES Soutomaior e no Colexio Santiago Apóstol.

21 de febreiro. Chega a Soutomaior a EIRA DE ACTUALIDADE, un espazo organizado dende a Concellería de Benestar Social, e onde as protagonistas serán a divulgación, o debate e a opinión sobre temas de actualidade na sociedade que abrangue diferentes áreas temáticas desde a ciencia, a socioloxía, a saúde, o feminismo…

A primeira protagonista deste espazo foi AMELIA TIGANUS oradora, escritora, activista feminista e formadora en obradoiros sobre a abolición da prostitución e violencias sexuais.

Na pasada noite Amelia Tiganus ofreceu, durante preto de dúas horas, a súa conferencia sobre a sexualidade saudable. Unha conferencia onde conseguiu captar a atención narrando en primeira persoa a súa historia persoal, dende a primeira violación que sufriu con 13 anos que fixo que cambiase a súa vida, aos abusos que tamén sufriu do seu tío dende os 7 anos. E como a partir dos 18 foi “convencida” para entrar no mundo da prostitución, un duro relato ao que achegou as e os asistentes a través das súas vivencias que conseguiron emocionar a todas e todos os que estaba no Multiúsos.

Tiganus falou sobre a necesidade e a importancia de traballar nunha educación sexual saudable. Unha educación que se forxa dende que nacemos, a importancia da comunicación, a importancia de dicir NON e o máis importante de todo, a importancia de quererse, por enriba de todo, a unha mesma.

Esa mesma filosofía foi levada hoxe aos institutos do concello. Amelia Tiganus estivo hoxe co alumnado de 1º de Bacharelato do IES Soutomaior e tamén co alumnado de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato do Santiago Apóstol. Durante a súa charla falou de moitos asuntos, entre eles, sobre a multitude de páxinas e de vídeos en internet que che din que por sacar fotos dos teus pés gañas moito diñeiro, son páxinas, que teñen un único fin, a violencia sexual está sempre detrás de todo iso. E como ela mesmo dixo cando ela tiña 18 anos non había redes sociais, “captárona” a través doutros métodos que se actualizaron e agora son tremendamente perigosos e chegan a un volume de mocidade altísimo. Por esa razón é importante saber cal é o fin de todo isto, a violencia sexual.

Coas mozas e mozos Tiganus tamén falou sobre a educación sexual, sobre a liberdade e sobre a importancia do respecto, iso sempre por enriba de todo. E tamén fixo que recapacitasen sobre a empatía, sobre o poñerse na pel do outro, e axudar a buscar as razón polas que un compañeiro, amiga, prima ou noivo está mal, que a axuda e o acompañamento é un piar fundamental cando estás pasando por unha situación complexa.

EIRA DE ACTUALIDADE contará cunha programación creada para favorecer a aprendizaxe, a construción colaborativa de coñecementos,  a nutrición intelectual e emocional e promover a reflexión social.