• O alcalde, Manu Lourenzo, e a interventora do concello de Soutomaior, María Jesús Rodríguez, mantiveron unha reunión esta mañá co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, para establecer os termos da nova EDAR no concello.

22 de abril, Soutomaior. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a interventora do concello, María Jesús Rodríguez, mantiveron unha reunión co Director de Augas de Galicia, Roi Fernández, en Santiago, co obxectivo de sacar adiante a nova EDAR de Arcade.

Dende o concello, o alcalde, quixo esta mañá agradecer o esforzo que se está realizando para sacar adiante este proxecto e a boa sintonía que hai, en relación a esta importante infraestrutura con Augas de Galicia.

O alcalde, Manu Lourenzo, lembrou hoxe que “dende que entramos no Goberno tivemos como obxectivo clave desatascar un proxecto que levaba moito tempo parado e que para nós é unha prioridade. Agradezo a boa disposición de Augas de Galicia, cremos que estamos no camiño correcto para devolver á Ría de Vigo o seu estado ambiental que nunca debeu perder. Unha Ría que cómpre lembrar que é o motor económico e de sustento de centos de familia no noso concello. É por isto que é a nosa labor dar resposta e actuar para que Arcade teña a nova EDAR canto antes”.