Bibliofogar é un servizo de extensión bibliotecaria que presta a biblioteca municipal de xeito gratuíto. Dende outubro deste 2025 ata maio do 2026 este servizo achegará libros, revistas e audiovisuais nos barrios de Comboa, Val-Sobral e este ano, como novidade, tamén chegará a Romariz e Alxán.

30 de setembro. A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, a bibliotecaria da Biblioteca Municipal Luís Seoane, Patricia R. Saavedra e a coordinadora de Bibliofogar, Mar García, presentaron esta mañá este servizo e a súa posta en marcha dende a vindeira semana e se prolongará ata maio do 2026.

Bibliofogar é un servizo de extensión bibliotecaria que presta a biblioteca municipal “Luís Seoane” de Soutomaior. O obxectivo é achegar a lectura a todas as persoas censadas no concello e facilitar o acceso aos recursos da biblioteca reducindo as barreiras físicas e de mobilidade, xa sexan por idade, por impedimento físico ou por mala comunicación e falta de medios para desprazarse.

O servizo de Bibliofogar medrou tanto en número de préstamos como de persoas usuarias no ano 2025 respecto ao mesmo periodo de 2024. Os préstamos nos centros de día incrementáronse un 11% e, nos barrios, subiron un 27%. Ata o de agora, lévanse feito 279 préstamos nos centros de día e 177, nos barrios só no que vai de ano neste 2025.

Este servizo preséntase cunha furgoneta equipada con ordenador, acceso a Internet, mobiliario e material da biblioteca. Por un lado, faise o desprazamento aos domicilios das persoas que teñan algunha barreira física ou xeográfica que lles dificulte acudir á biblioteca de xeito presencial; e, por outro lado, tamén se fai o desprazamento a centros de maiores e locais veciñais, onde son varias as persoas que se benefician a un tempo deste proxecto de achegamento da cultura.

Tal e como dixo nesta xornada a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, “desde a concellaría de Cultura estamos moi orgullosas dun proxecto cuxo obxectivo é salvar os atrancos que teñen as persoas do rural e as persoas con mobilidade reducida no seu acceso aos fondos da nosa biblioteca municipal. Por iso queremos implementalo en novos barrios, nunha clara aposta polo rural tamén no ámbito da cultura”. De tal xeito o servizo de Bibliofogar, que dará comezo a vindeira semana, chegará este ano, como novidade, a Alxán (Obradoiro Luís Seoane) o primeiro martes de cada mes, a Comboa o segundo martes de cada mes, tamén como novidade este ano chegará a Romariz (Escola Infantil) o terceiro martes de cada mes e os últimos martes de cada mes ao Val-Sobral (Casa do Pobo).

Bibliofogar é un servizo totalmente gratuíto que permite levar e recoller material bibliográfico (libros, revistas, audiovisuais). Pero non é só un servizo de reparto senón, tamén, de apoio e acompañamento que evita o illamento e a soidade. Foi premiado co Premio á Innovación Bibliotecaria da Xunta de Galicia e co Premio María Moliner do Ministerio de Cultura no ano 2022.