Durante case 3 meses que durou o servizo fixéronse un total de 90 préstamos. Un servizo que coma na anterior edición se desenvolveu na praia da Muxeira, no Peirao, na Veiguiña Longa, en Comboa, e na Xunqueira de Arcade. Dende a concellería de Cultura están analizando a posta en marcha dun programa piloto para implementar este servizo noutra área de baño do concello o vindeiro ano.
Soutomaior, 21 de setembro. Balance máis que positivo dunha nova edición do Biblioverán. Unha edición que se desenvolveu dende o 24 de xuño ata o 19 de setembro deste 2025. Un meses durante os cales a Biblioteca Pública Luís Seoane trasladouse a diferentes espazos exteriores do Concello de Soutomaior, lugares de lecer sobre todo para os máis pequenos, co fin de achegar os servicios que ofrece a biblioteca municipal Luís Seoane.
Biblioverán consolídase entre as persoas usuarias, xa que tivo unha media entre 8 a 10 persoas que acudiron diariamente a desfrutar deste servizo, nun espazo de 2 horas e media no que se achegaron non só a compartir lecturas, senón tamén a devolver libros e facer préstamos.
Biblioverán tamén voltou a ter unha grande resposta nas actividades de animación á lectura: contacontos, obradoiros de monicreques, contadas para adultos… polo que, unha vez máis dende o equipo da Biblioteca Municipal, dan as grazas pola colaboración e implicación da veciñanza neste servizo.
Un verán, o deste 2025, no que se fixeron máis de 90 préstamos, cifra récord no histórico deste programa. Tamén se ampliou o público usuario do servizo, porque este ano foron moitas as persoas adultas que tamén se achegaron a facer uso do mesmo, de tal xeito que non foron só os nenos e as nenas que viñan a participar das actividades e que tamén funcionaron moi ben, sobre todo os contacontos e os obradoiros de monicreques e os de chapas.
A concelleira de Cultura de Soutomaior, Silvia Cernadas, afirmou que “dende a concellaría de cultura estamos moi contentas coa excelente acollida de Biblioverán, que xa conta con usuarios e usuarias fieis que o empregan ano tras ano e semana tras semana na súa praia habitual. Pola nosa parte, xa estamos traballando na edición do próximo ano, que terá como novidade un programa piloto para implementalo noutra área de baño do concello”.
O obxectivo desta iniciativa foi o de manter o hábito lector ao longo da época estival. Así nestes espazos realizáronse préstamos de libros, devolucións, lecturas in situ e moito máis sen ter que desprazarse ao local da biblioteca.
Dende a Biblioteca Municipal e a concelleira de Cultura están máis que satisfeitos co éxito de actividades e con poder dar servizos bibliotecarios fora do espazo da biblioteca. Silvia Cernadas aproveitou o balance para agradecer a boa recepción e disposición de todas as persoas que se achegaron e compartiron Biblioverán no concello de Soutomaior.

