Este programa ten como fin poñer en valor dúas datas referentes para a Biblioteca tal e como son o Día das Escritoras, que se conmemora o 13 de outubro, e o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 deste mes.
Soutomaior, 12 de outubro. Mañá, luns 13 de outubro dará comezo unha nova edición do programa Dálle a volta á Biblioteca! , un proxecto que nace para conmemorar dúas datas referentes para a Biblioteca Municipal ‘Luís Seoane’ de Soutomaior.
Por unha banda, o 13 de outubro, Día das Escritoras que se conmemora o luns máis próximo ao 15 de outubro, neste ano, mañá luns 13 de outubro, en lembranza da data de falecemento de Tareixa de Ávila. E, por outra banda, o Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro baixo o lema ‘Contra a desinformación: bibliotecas”.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, dixo nesta xornada que “este programa foi un auténtico éxito na primeira edición, polo que este ano continuamos a liña de abrir a biblioteca a novos públicos e actividades, agora dentro do proxecto Bibliotecas en Igualdade. Ademais, aquelas persoas que o día das bibliotecas leven en préstamo un libro, un xogo de mesa ou calquera outra cousa dos nosos fondos bibliotecarios terán un agasallo moi especial”.
PROGRAMACIÓN
Soutomaior pon, un ano máis, en marcha varias actividades dirixidas a todos os públicos que se desenvolverán de balde na Biblioteca. Así, para visibilizar as obras das escritoras galegas, o programa comeza mañá cun concerto – recital ’Poemas musicados’ a cargo de Carolina Rubirosa, unha viaxe desde as cantigas da lírica galego-portuguesa ata os poemas de Yolanda Castaño ou Eva Veiga e a música de Edith Piaf e Rozalén. A cita está dirixida a maiores de 16 anos, ás 20:30h. na Biblioteca Municipal, entrada de balde ata completar o aforo.
A programación seguirá o venres 17 de outubro con Teatro “María. Catro notas para unha vida” de Andrea Castro e cuarteto Vagalume. Unha obra onde a vida de María Casares será levada ao teatro musical dirixida a público xeral-familiar, tamén entrada de balde ata completar o aforo. O 22 de outubro será a quenda do obradoiro de “Exlibris” impartido por Papelier onde todas e todos os asistentes poderán ter a oportunidade de crear o seu propio cuño e personalizar os seus libros. Dirixido a público de máis de 10 anos inscricións de balde e abertas na Biblioteca Luís Seoane.
O venres 24 chegará una edición especial da “Hora do conto” no día das Bibliotecas. Unha cita dirixida a público de 4 – 12 anos, inscricións de balde e xa abertas en liña en: https://soutomaior.gal/produto/a-hora-do-conto-especial-dia-das-bibliotecas/
Un programa Dálle a bolta á biblioteca que rematará o xoves 30 de outubro coa xornada de benvida ao Club de lectura galego – castelán onde terá lugar un encontro coa autora Xulia Alonso que falará da súa obra Futuro imperfecto e da súa colaboración na última película de Carla Simón, Romería. Esta cita estará dirixida a publico de máis de 18 anos e será de balde ata completar o aforo.
Dende a concellería de Cultura convidan a toda a veciñanza a desfrutar das Bibliotecas e da programación deste programa Dálle volta á Bibliteca.