Oficialmente o calendario do Entroido fíxase a partir do calendario da Semana Santa. Corenta e nove días antes do Domingo de Pascua ponse o Domingo de Entroido. O Domingo de Pascua segue o ano lunar, e sitúase despois da lúa chea que empeza o 21 de marzo, equinoccio de primavera.
De aí cara atrás temos os catro días grandes do Entroido oficial: Sábado, Domingo, Luns e Martes de Entruido, que son os que se celebraban en Soutomaior, segundo recollemos no traballo de campo, con preponderancia do Sábado, Domingo e Martes de Entruido.
Os ritos de Entruido identificados, como identitarios de Soutomaior en tempos pasados, e que actualmente estanse a recuperar e promover son:
- Rito de correr o Entruido.
- A corrida do galo e desfile do galo.
- Baile ou fiada do Martes de Entruido.
- Ritos satíricos e burlescos con mecos.
- Ritos de comensalidade.
Na programación festiva realizada polo Concello téñense en conta estes ritos e organízanse actividades para poñer en valor esta tradición local.