Centos de persoas asistiron hoxe ao primeiro día da apertura das casetas para degusta e desfrutar da ostra ao natural, da experiencia Ostrés e dos Albariños de Soutomaior

5 de abril, Soutomaior. Hoxe, ás 12:00 h. abriron as casetas da XXXVII edición da Festa da Ostra. Unha cita onde xa se comezou a degustar, con moito éxito e participación,  este molusco en todo o seu esplendor, a ostra ao natural, e tamén houbo un adianto do OSTRES, unha gastro-expeciencia con sabor a paisaxe e a mar que, un ano máis, gustou e conseguiu sorprender aos que decidiron gozar desta proposta innovadora.

Unha festa que deu comezo coa charanga Bassica Rapa que encheu de música e de alegría a carpa do Peirao de Arcade.

No Peirao a xente amosouse “encantada” coa carpa deste ano, máis ampla que a do pasado ano, un salón fermoso co lateral da ría colocado de tal maneira que se pode desfrutar das vistas que nos ofrece o Peirao da ría de Vigo. Unhas inmediacións que che dan pe a desfrutar, se cabe mái, da ostra de Arcade e dos viños Albariños de Soutomaior (Noelia Bebelia, María Vinyals e Quinta da Eiras).

O OsTres ofreceu un pequeno adianto nese mediodía coa ostra cociñada, unha maneira de achegar este molusco a máis poboación. Una experiencia que nos ofrece: ostra “A Touca” á galega con ramallo de mar, ostra adobada en salsa teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ostra en escabeche tradicional. Uns pratos cociñados polo Calidus Catering que lidera o  veciño de Soutomaior Joaquín Lema e que o seu adianto de hoxe foi todo un éxito. Mañá, día grande da Festa da Ostra, xa se poderá degustar desta gastro-experiencia ao longo de toda a xornada.

PROGRAMACIÓN

Esta noite chegarán as actuacións das orquestras Olympus e Kubo e a partir das 22:00h. e coa tirada de fogos de arteficio ás 00:00h.

O  domingo 6 de abril, día grande da Festa da Ostra, o día comezará ben cediño ás 10:00 da mañá co pasarrúas da BANDA ARTÍSTICA DE ARCADE e BANDA CULTURAL DE ARCADE dende o Calvario ata o Peirao.

Ás 11:00 h. terá lugar a apertura de casetas de degustación, unha hora máis tarde, ás 12:00 h. actuarán o grupo de jazz Fernando Sánchez Jazz Cuartet e ás 13:00h. terá lugar a lectura do pregón a cargo do contador de historias e monologuista Celso Fernández Sanmartín “Celsiño” nacido en Lalín pero veciño de Soutomaior xa que nestes momentos vive no noso concello.

Xa pola tarde terá lugar a actuación dos “Festicultores Troupe” a partir das 18:00h. no Peirao de Arcade.

SOUTOMAIOR INCLUSIVO

Dende o concello de Soutomaior lembran a presencia dunha carpa de Soutomaior Inclusivo, un punto de apoio permanente que prestará axuda ás familias con menores con diversidades funcionais. Neste punto, situado a carón do dispositivo sanitario e de seguridade, facilítase información sobre ‘Soutomaior Inclusivo’.

Tamén se prestan cascos antirruído para que poidan desfrutar da zona de recreativos. Ademais, na zona de recreativos hai horarios ‘sen ruído’: venres 4 de abril de 18:00 a 19:00h.; sábado 5 de abril de 12:00 a 13:00h. e de 18:00 a 19:00h.; domingo 6 de abril de 13:00 a 14:00h. e de 18:00 a 19:00h. e o luns 7 de abril (día do neno e da nena) de 17:00 a 18:00h.. Por outra parte, lembran que as nenos e nenas (ou familia) que amosen a súa pulseira de Soutomaior Inclusivo ou a tarxeta de discapacidade non terán que facer colas nas atraccións e terán acceso prioritario.

En canto á zona da carpa principal, onde se levan a cabo os concertos das orquestras o venres e o sábado e a lectura do pregón o domingo, conta unha plataforma para que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar de maneira cómoda e accesible. Ademais, na lectura do pregón haberá unha persoa interprete de signos.