Hoxe continúa a celebración desta xornada co servizo  e actividades de Bibliofogar que estarán presentes en horario de mañá na carpa instalada na Alameda de Talo Río e, pola tarde, aterrará na casa da Cultura Rexina Míguez Noval, en Soutomaior.

27 de abril, Soutomaior.  Éxito de participación na primeira xornada da Feira do Libro de Soutomaior que ao longo de todo o día de onte se celebrou nunha carpa instalada na Alameda de Talo Río en Arcade.

O día 26 de abril a celebración comezou ben cediño ás 11:00h. coa “A Organeta” animación de rúa que encheu de música e de información as rúas de Arcade dende o Cruce de Pierres ata Talo Río. Unha vez chegados á carpa, esta Feira do Libro contou cun sinfín de actividades dende as 11:30 ata as 21.00 h. Para isto instalouse unha carpa deseñada para acoller os diferentes espazos desta Feira, de tal xeito contou co: Espazo Editorial, do que formaron parte as seis editoriais que aterraron nesta Feira do Libro (Antela Editorial, Boadicea Editora, Cuarto de Inverno, Belagua Ediciones, Galaxia e Editorial Elvira); tamén estivo o Espazo Lector con charlas coloquios, presentacións de libro; o Espazo Enreda con xogos e actividades de dinamización da Feira; o Espazo Escenario onde tiveron lugar os espectáculos; o Espazo Artístico onde botar a voar a creatividade, diversidade, pluradidade,, responsabilidade, receptividade e compromiso para visibilizar o diferente; o Espazo Bebeteca destinado a crianzas de 0 a 3 anos e o Espazo Petit Furgo onde gozar e divertirse co mundo da lectura. Todo amparado polo programa municipal Soutomaior Inclusivo.

A concelleira Silvia Cernadas, dixo que este ano chega “encantados coa acollida e  recepción desta Feira do Libro. Unha feira que se preocupa pola igualdade, a inclusión e que tamén na que ten presenza, como no pasada ano, a parroquia de Arcade e a de Soutomaior, con espectáculos, xogos, e actividades para todos os públicos dende a Bebeteca, destinada aos máis pequeniños e pequeniñas da casa ata citas e presentacións para o público adulto”. Silvia Cernadas destacou tamén a “presentación do libro infantil sobre María Vinyals co que comezamos as celebracións do 150 aniversario do seu nacemento, unha presentación amparada baixo o programa Soutomaior Inclusivo e que estivo tamén comunicada a través da lingua de signos”.

Unha feira pola que o sábado pasaron… a presentación e posta en escena de ‘A Biblioteca galáctica contra a IA Fantástica’ un espectáculo de Taxarina que contou co seu autor, Carlos Labraña que realizou a firma de sinaturas e reparto de exemplares ata esgotar existencias. Xa pola tarde tiveron lugar a presentación de ‘O mergullador das verbas’ coa súa autora Majo Villar, a presentación de ‘Marquesa vermella, pequena biografía de María Vinyals’  unha cita, de Polo Correo do Vento, que tamén contou co reparto de exemplares ata esgotar existencias. Unha Feira do Libro que o sábado pechou as actividades co espectáculo ‘Travesía Unicornio’ de Teatro Ghazafellos.

Todo na compaña de moitas actividades ao longo de toda a xornada tales como o ‘Pasaporte lector’, o ‘Mapa do tesouro’, `Cita a cegas cun libro na Petit Fugo´ , o espazo enreda con ‘Lendo cos sentidos’ ou o espazo artístico coa ‘A viaxe máis emocionante’.

Xa nesta xornada dominical  o escenario da mañá continuará sendo Talo Río co servizo de Bibliofogar en horario de 12:00 a 14:00h.  Xa pola tarde, de 17:00 a 20:00h. a Feira do Libro chegará a Soutomaior, a Casa da Cultura Rexina Míguez Noval tamén coas actividades, xogos e contacontos de Bibliofogar.

Dende o Concello convidan a todo o mundo a que veñan a desfrutar e a gozar deste último día desta cuarta edición da Feira do Libro de Soutomaior, e animan a que todo o que se suba ás redes sociais deste evento se faga baixo o hashtag #FeiraDoLibroDeSoutomaior.