Sentinela do Verdugo: un castelo para vixiar e dominar
O chamado Castellum Sancti Pelagii de Luto ocupaba unha posición estratéxica privilexiada que o convertía nunha fortaleza singular, cobizada polo seu papel militar e de control territorial.
Erguíase a carón da ponte de Sampaio, paso obrigado no principal camiño entre o sur e norte de Galicia dende tempos galaico-romanos, cobrando os señores do castelo portádego a quen quixera cruzala. Era este lugar, ademais, límite entre diferentes señoríos xurisdicionais e, durante anos, punto fronteirizo entre o reino galego e portugués. Foi tamén baluarte defensivo costeiro, facendo fronte ás incursións marítimas procedentes de costas afastadas.
Pola súa importancia estratéxica, ao longo do tempo foi testemuña de numerosos conflitos no contexto das disputas medievais polo control do territorio, protagonizadas polos mais poderosos señores do Reino de Galicia.
A súa localización exacta non se coñece con absoluta certeza. Segundo a Historia Compostelana, “situado na beira do mar, estaba defendido por un lado pola súa posición e por outro polo embate do propio mar”. Con moita probabilidade se emprazaba na chamada illa do castelo, a carón da desembocadura do Verdugo.
A pesar deste descoñecemento, son moitas as referencias documentais ao mesmo. A primeira remóntase ao século XII, aínda que é probable que a súa construción fose anterior. Derrubado no enfrontamento entre a liñaxe dos Soutomaior e os arcebispos de Santiago xa no século XV, nunca mais se volveu a erguer. Os seus restos foron aproveitados para fortificar a ponte de Sampaio con dúas torres.
Hoxe, cando os camiñantes cruzan a ponte, poden evocar a importancia deste enclave: primeiro dominado polo castelo medieval e, máis tarde, custodiado polas súas torres defensivas, sempre vixiando o paso das xentes.

Un mosaico de vida intermareal
É coa marea baixa cando emerxe e faise visible a gran riqueza natural deste entorno costeiro. O espazo intermareal da Enseada de San Simón está composto por un mosaico de hábitats ricos en vida: chairas lamacentas, barras areosas, marismas salobres, e as foces dos cursos fluviais que nela desembocan, principalmente o río Verdugo.
Na paisaxe submarina, nas augas pouco fondas, medran as praderías de zostera ou herba mariña, tapices verdes que estabilizan os sedimentos e brindan refuxio e alimento a gran variedade de peixes, como os pintos e as maragotas, e de moluscos cefalópodos, como o choco. Nas chairas lamacento- areosas, habitan moluscos bivalvos como as ameixas, os berberechos e a tan afamada ostra de Arcade.
Nas zonas máis elevadas aparecen marismas salobres cunha vexetación propia adaptada á salinidade deste entorno, como o xunco e o esparto marítimo.
O conxunto complétase cunha densa rede de canles de drenaxe polas que circula a auga, redistribuíndo os sedimentos en cada ciclo de mareas, nun continuo vaivén.
Aves acuáticas
As condicións ecolóxicas da Enseada e a súa biodiversidade fan dela un refuxio incomparable para numerosas aves acuáticas ao longo de todo o ano, pero é durante as migracións cando a zona cobra maior vida: centos de aves de paso entre o norte de Europa e o continente africano, atopan descanso e alimento antes de proseguir na súa viaxe.
Ata 110 especies de aves mariñas e limícolas diferentes se poden observar nas súas augas como: garzas reais, cormoráns, gaivotas, ánades, biluricos das rochas, correlimos e mazaricos, entre outras. No inverno destacan tamén as concentracións de ánade silbón e diferentes especies de porróns.
Os hábitats propios da Enseada, – as marismas salobres, os fondos lamacentos e as praderías de zostera,- proporciónanlles o alimento e acubillo necesario, convertendo este lugar nun dos enclaves máis importantes de Galicia para as aves acuáticas.



