• O programa do 8M de Soutomaior comezou na pasada noite en Soutomaior co concerto de Guadi Galego ao que asistiron máis de 200 persoas.

 

  • Unha programación que tamén contará, o día 14 terá cun faladoiro e a entrega do premio “María a das mil flores” a Marisol Santomé Portela, matrona de Arcade dende o 2004 ao 2022.

8 de marzo, Soutomaior. O 8M de Soutomaior comezou na pasada noite cun concerto íntimo e moi especial. Un concerto onde a artista galega Guadi Galego foi quen de encher o Multiúsos de Arcade e ao que asistiron máis de 200 persoas. Todas as entradas que se puxeron, de balde, a disposición das e dos interesados quedaron esgotadas.

Foi unha cita que tiña como fin dar o pistoletazo de saída á programación do 8M. Neste 2025 baixo o lema MATRONALIA, a campaña centra o seu foco na  visibilización e recoñecemento  da figura da matrona .

Na pasada noite Guadi Galego e a súa banda chegaron a Soutomaior para presentar o seu último traballo “Síntese Horizonte”. Unha cita onde se creou unha atmosfera fermosa entre o público asistente e Guadi Galego e o seu equipo. Este concerto contou con múltiples referencias ao 8M, ás mulleres do público. Un concerto onde Guadi Galego interpretou ata en dúas ocasións un tema moi vencellado á xornada que hoxe se conmemora, ao Día Internacional da Muller, “Matriarcas”, e unha cita onde tampouco faltaron mensaxes de apoio ao pobo Palestino.

Un concerto íntimo, feminista, comprometido e que conseguiu emocionar ás máis de 200 persoas que asistiron a este fermoso directo de Guadi Galego en Soutomaior.

A campaña do 8M seguirá viva en Soutomaior o vindeiro venres 14 de marzo onde terá lugar o faladoiro IMPRONTAS FEMINISTAS, coordinado por Paula Conde López, actual matrona de atención primaria no Centro de Saúde de Arcade, e coa participación de AGAM Asociación Galega de Matronas. Abordarase no faladoiro o rol das matronas ao longo da historia e as súas improntas na loita feminista.

Esa mesma tarde entregarase o recoñecemento municipal “María a das mil flores”, que este ano se entregará, por acordo da Consello Feminista Municipal,  a Marisol Santomé Portela, (Matrona en Arcade dende o 2004 ata o 2022), pola súa aportación comunitaria a vida de tantas mulleres do Concello.

Ademais a programación do 8M tamén inclúe dous obradoiros, un deles “Climatéricas” terá lugar os días 27 de marzo, 3, 10 e 24 de abril e 8 de maio no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos). Un obradoiro de balde e cuxa inscrición en liña comezará o vindeiro 10 de marzo e estará aberta ata o 20 deste mes a través de www.soutomaior.gal

No mes de maio chegará o obradoiro de “Chan Pélvico” que se desenvolverá tamén no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) os días 15, 22 e 29 de maio e 5 de xuño. Un obradoiro de balde cuxa inscrición terá lugar do 22 de abril ao 1 de maio a través da web do concello www.soutomaior.gal