Antonio Medal
Antonio Medal, (Ponteareas, 1902 – Arcade, 1985), veciño de Arcade por adopción, foi un home polifacético. Pintor de influencia rexionalista e ceramista, centrou a súa obra nos retratos, nos tipos populares galegos e nas escena costumistas.
Emprendedor, convenceu a Moisés Álvarez, dono das empresas “Álvarez”, para impulsar Pontesa, subministrándolle materia prima e mantendo unha vinculación artística coa mesma. Como home de cultura, instalou o seu estudio na Insuiña – a actual illa Medal -, onde organizaba faladoiros aos que acudían ilustres persoeiros da cultura galega, algúns dos cales retratou.
A ínsua
Recibe o nome do seu último propietario: Antonio Medal Carrera, quen lle deu a súa imaxe actual. Inspirado na paisaxe rural galega, dotouna dalgúns elementos tradicionais como un hórreo, un pombal e un quiosco-miradoiro, ademais de plantar cepas de albariño. Para chegar a ela hai que cruzar unha pequena ponte levadiza e atravesar unha portada monumental.


Unha paisaxe en miniatura: a illa Medal condensa unha entorno natural protagonizado polo río Verdugo e o mundo rural evocado por algúns dos elementos propios e característicos da súa cultura material.
1. Quiosco-miradoiro
No punto máis elevado érguese un balcón privilexiado, dende o que contemplar o lento fluír das augas do río Verdugo encontrarse coas da Enseada.
2. Muro
Un murete baixo de pedra circunda a illa, manténdoa a resgardo das mareas e das crecidas do Verdugo.
3. Pombal
De planta circular e construído en pedra, está cuberto con tellado a unha auga e conta con pequenos ocos de acceso para as aves. Este tipo de edificación era propia das casas grandes, pazos e reitorais, e se destinaba a cría de pombas.
4. Hórreo
Levántase sobre tres pares de pés con tornarratos, cun corpo de pedra e cuberta en tella a dúas augas con remates ornamentais. O hórreo é a construción máis emblemática e omnipresente do rural galego, empregada tradicionalmente para conservar o millo.
5. Pontes
Para acceder á ínsúa compre cruzar dúas pontes: unha primeira, levadiza e de madeira, que dá paso a unha segunda ponte de pedra, máis pequena e cun so van.
6. Portalón
Tras salvar as pontes, un portalón monumental de inspiración barroca, coroado con remates ornamentais, recibe ao visitante anunciando o carácter singular deste espazo ancorado na desembocadura do Verdugo.
Pontesa: o impulso definitivo de Antonio Medal
Antonio Medal Carrera xogou un papel decisivo para que o seu amigo Moisés Álvarez, propietario do grupo empresarial Álvarez, decidise abrir unha fábrica de louza nas proximidades de Arcade e Pontesampaio. Implicado no proxecto, encargouse persoalmente da tramitación de licencias e permisos industriais para facelo realidade.
En 1961 Alfares de Pontes Sampaio, máis coñecida como Pontesa, comezou a súa produción. Era unha das factorías máis modernas do momento e axiña se converteu nunha das principais do grupo Álvarez. Nas súa instalacións chegaron a traballar miles de operarios, sobre todo mulleres das localidades próximas deArcade, Pontesampaio, Redondela e Chapela, entre outras, que constituíron o groso da man de obra da factoría.
Tras a morte do seu fundador en 1975 e co fin da Ditadura franquista, coa que a empresa medrara, iniciouse un período turbulento para a supervivencia do grupo que acabou co seu peche definitivo en 2001.
Pontesa foi tamén escenario das loitas obreiras polo dereito a unhas condicións laborais dignas. Gran parte dos seus traballadores e traballadoras participaron activamente na histórica folga xeral de 1972, que paralizou a actividade económica da comarca de Vigo durante quince días, no ocaso da ditadura franquista.






