- Un proxecto que foi adxudicado por un investimento de preto de 1 millón de euros e que traerá consigo a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro.
- Unha actuación que está financiada con fondos do Plan Extraordinario da Deputación Provincial e tamén con fondos propios do concello de Soutomaior.
6 de febreiro, Soutomaior. O Concello de Soutomaior anuncia que o vindeiro martes, 10 de febreiro, comezarán as obras de “reurbanización, mellora e humanización do centro urbano de Arcade como espazo público”. Un proxecto que foi adxudicado por un importe de preto de 1 millón de euros á empresa Construcciones Castro Figueiro SLU.
Un proxecto que suporá unha mellora do núcleo urbano de Arcade para favorecer tanto a vida da veciñanza como aos negocios que alí se encadran. Uns traballos que contan cun investimento de preto de 1 millón de euros e que traerán consigo a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro.
As obras darán comezo o martes 10 de febreiro, comezarase pola zona central da praza sen afectar á parte pavimentada durante, mínimo, dúas semanas. Despois levaranse a cabo os traballos nun lado e noutro da praza e unha vez finalizados quedarían as actuacións nun dos tramos da rúa Rosalía de Castro e outro en Portal do Ribeiro. No momento en que se executen os traballos na Rúa Rosalía de Castro haberá un plan específico e especial de tráfico do cal informarán en tempo e forma dende o Goberno Local. O actual parque infantil de Talo Río quedará pechado por precaución e seguridade mentres duren as obras. As árbores afectadas polo proxectos serán todas replantadas, algunhas aproveitadas na propia actuación e outras replantadas noutros parques e xardíns do concello. Importante sinalar tamén que nun dos tramos da rúa Portal do Ribeiro habilitarase o carga e descarga e, tamén, servizos de 15 minutos.
Dende o Goberno Local quixeron lembrar nesta xornada que na actualidade a praza de Talo Río presenta un importante deterioro e funciona como dúas rúas independentes e non como unha praza. No novo núcleo urbano de Arcade figuran plataformas únicas, a renovación de pavimentos con materiais nobres e un corredor verde con árbores e un bosque no que se integrará o actual parque infantil. Ademais, este proxecto, tamén elimina un dos principais problemas que ten hoxe por hoxe a Praza de Talo Río que son as barreiras arquitectónicas motivadas, sobre todo, por un firme de xabre que no inverno supón un importante problema para as persoas de mobilidade reducida e que ten ademais diferentes desniveis que obrigan as persoas a ter que desprazarse varios metros para transitar a praza dun lado ao outro.
Unha obra onde se vai a sanear a zona e a resolver o gran problema de separativas de pluviais e fecais nese punto do concello, un problema que traía consigo importantísimos verquidos á ría.
Esta actuación lembramos que está financiada con fondos do Plan Extraordinario da Deputación Provincial e tamén con fondos propios do concello de Soutomaior.
Dende o Goberno Local están traballando no novo modelo urbano de Soutomaior, un modelo que xa está vivo e se pode observar en actuacións como as obras do Val-Sobral, do Camiño de Santiago e que, con esta actuación, en Talo Río suporá unha transformación, modernización e mellora importantísima do núcleo urbano de Arcade.
Dende o Goberno Local quixeron agradecer á veciñanza e os comercios a súa aposta e ilusión co novo modelo urbano que xa se respira no concello.

