• A emoción, a vitalidade, a sororidade e o feminismo déronse cita na pasada noite no Multiúsos de Arcade coa entrega do recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé, matrona no Centro de Saúde de Arcade dende o ano 2002 ata o 2022. 
  • Un acto onde tamén tivo lugar o faladoiro protagonizado polas matronas Paula Conde, Xela González e a propia Marisol Santomé.

15 de marzo, Soutomaior. O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, entregaron na pasada noite, nun ateigado Multiúsos, o recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé, matrona no centro de Saúde de Arcade dende o ano 2004 ata o 2022.

Nun evento englobado dentro da programación do 8M que este ano, baixo o lema MATRONALIA, a campaña municipal centra o seu foco na  visibilización e recoñecemento  da figura da matrona.

O evento comezou coa actuación da artista local Lorena Reinaldo, a continuación interveu a directora e psicóloga do CIM, Cristina García, a encargada de dar paso ao faladoiro IMPRONTAS FEMINISTAS que estivo coordinado por Paula Conde López, actual matrona de atención primaria no Centro de Saúde de Arcade, e que contou coa  participación de Xela González, de AGAM, a Asociación Galega de Matronas e da propia Marisol Santomé. Un faladoiro moi interesante onde estas tres matronas fixeron unha proxección e evolución da súa profesión, unha profesión que sen dúbida foi das primeiras feministas, posto que sempre as matronas estiveron para apoiarse, defender as mulleres e axudalas con moitos diagnósticos, pero sobre todo, no proceso de dar a luz.

Tralo faladoiro chegou o momento máis emotivo onde Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa fixeron entrega do recoñecemento “María a das Mil Flores” a Marisol Santomé. Un recoñecemento que foi aprobado por maioría no Consello Municipal Feminista de Soutomaior conformado polas asociacións con mulleres do concello e polos tres partidos políticos con representación na corporación.

A que fora matrona de Arcade durante case 20 anos, Marisol Santomé,  viu entre o público moitas caras coñecidas xa que foron moitas as mulleres que quixeron volver a reencontrarse con Marisol, unha muller que deixou pegada en centos de mulleres no concello, era moi querida e valorada. A concelleira de Igualdade quixo agradecer o papel de Marisol “por ser unha máis, polo teu acompañamento, por estar sempre con paz e calma en momentos de nerviosismo, e por axudarnos a atopar o mellor camiño da vida”.

Marisol emocionou as e os asistentes co seu discurso a quen llo adicou a súa nai, que faleceu hai 15 meses, e a súa filla que estaba presente no Multiúsos, “elas o son todo na miña vida, elas e os meus tres netos, grazas por este cariño, non sabedes todo o que significa para min o cariño que hoxe estou recibindo”.

Ao remate do acto houbo tempo para abrazos e moitas fermosas palabras de agradecemento a Marisol Santomé, unha muller que estará sempre presente na vida de milleiros de mulleres do concello.

Ademais a programación do 8M seguirá viva cos dous obradoiros que ofrece, un deles “Climatéricas” terá lugar os días 27 de marzo, 3, 10 e 24 de abril e 8 de maio no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos). Un obradoiro de balde e cuxa inscrición en liña comezará o vindeiro 10 de marzo e estará aberta ata o 20 deste mes a través de www.soutomaior.gal

No mes de maio chegará o obradoiro de “Chan Pélvico” que se desenvolverá tamén no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) os días 15, 22 e 29 de maio e 5 de xuño. Un obradoiro de balde cuxa inscrición terá lugar do 22 de abril ao 1 de maio a través da web do concello www.soutomaior.gal

Esta mañá a secretaria do concello de Soutomaior recibiu a obra, cunha visita na que estiveron presentes o equipo redactor, o Goberno Local e tamén a empresa de Construcións Castro, encargada de realizar estes traballos

Soutomaior, 13 de marzo. O Goberno de Soutomaior vén de recibir hoxe a obra de transformación da praza da Carreira dos Bolos do barrio da Pedreira. Unha importante actuación na que o Goberno local inviste preto de 200 mil euros no rural de Soutomaior ao abeiro do Plan Concellos da Deputación Provincial.

Soutomaior aposta por un modelo de transformación urbana e rural que mellore a calidade das veciñas e veciñas. Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “en Soutomaior témolo todo para contar cun rural que fixe poboación e sexa unha referencia de calidade de vida e de mobilidade”. Ao que Lourenzo engadiu que “dende o Goberno local facemos aposta forte polo rural con proxectos como este que acabamos de finalizar, a mellora e humanización do Val Sobral, as melloras de camiños e espazos veciñais, dos campos de fútbol e cun proxecto importantísimo para a transformación do noso concello como é o ecoparque empresarial”.

Lourenzo ten claro que “Soutomaior agora mesmo funciona grazas a unha xestión económica que nos permite facer investimentos como nunca, algo que é posible grazas ao traballo man a man do Goberno cos funcionarios e veciñanza do concello”.

O proxecto finalizado nesta xornada e deseñado polo estudo Cendón-Vázquez Arquitectos, trae consigo traballos na contorna da praza da Pedreira,  humanizando e modernizando os espazos que a conforman. Ademais, as obras tamén compren o obxectivo de recuperar a esencia tradicional deste espazo no que hai décadas os veciños e veciñas do barrio xuntábanse para xogar aos bolos celtas.