Os Reis Magos contaron un ano máis coa colaboración de Papá Noel e do Apalpador para que os calendarios do concello cheguen a todas as casas do municipio. E tal e como confirmaron as súas maxestades o reparto comezará a facerse a finais desta mesma semana.
En cada casa do Concello de Soutomaior está a punto de chegar nestes días un calendario e unha lámina adicados a Leandro Lamas. Un pintor, ilustrador, actor e director teatral de referencia en todo o páis. O seu estilo é naïf e caracterízase polo emprego da cor, unha cor que encherá de alegría e ledicia os meses do vindeiro 2025 a través deste calendario do Concello de Soutomaior.
O calendario conta con diversas láminas deste popular e coñecido artista e cunha lámina contratada e feita para o Concello na que aparece o Castelo de Soutomaior.
O alcalde de Soutomaior quixo agradecer a colaboración e traballo realizado por Leandro Lamas, pola cesión das súas obras, e tamén agradece de antemán o traballo das Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, de Papá Noel e dos seus axudantes e do Apalpador, que como home forte do Courel sinalou que “el so pode cos barrios enteiros de Soutomaior”. Xa que dende este xoves comezarán a repartir e a adiantar os seus agasallos por todas as casas do concello.
Para finalizar, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quixo destacar o inxente traballo das figuras do Nadal e sinalou “o especial agasallo de Nadal deste ano, o calendario e a lámina son unha fermosura que demostran a xenialidade deste artista”. Lourenzo ten claro que se trata dun calendario, como o deste ano, que terá valor máis alá do 2025 do que, segundo dixo nesta xornada o alcalde de Soutomaior, “seguro que recibiremos peticións para contar cun dos nosos calendarios de todos os puntos do país, estamos falando de Leandro Lamas un autor recoñecido, querido e moi admirado entre a poboación”.
O alcalde quixo agradecer a Leandro Lamas e a todas as persoas que traballaron para facer deste calendario unha realidade.
Un Nadal para Vivir en Soutomaior que xa deu comezo na pasada fin de semana e que se desenvolverá ata o 6 de xaneiro con moitas actividades para todos os gustos e idades.