O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno local inicia o procedemento para levar a cabo unha importante transformación no modelo de recollida dos residuos.
2 de maio. O Concello de Soutomaior abriu esta semana o proceso de licitación do contrato do lixo, tras rematar a anterior concesión, que tivo unha duración de 20 anos. En canto a este novo contrato, terá unha duración de 10 anos e un valor de 5 millóns de euros, e poderán optar a súa adxudicación diferentes empresas do sector.
Tal e como indicou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o obxectivo do Goberno local con este procedemento é levar a cabo unha importante transformación do actual modelo de recollida dos residuos municipais. “Imos apostar por un servizo de recollida baseada na redución de produción de residuos, na reciclaxe e na compostaxe, alcanzando así uns parámetros homologables a outros lugares de Europa que hoxe son referencia no tratamento dos residuos”, sinalou o alcalde de Soutomaior.
Manu Lourenzo asegurou que “o gran reto ao que imos facer fronte nesta vindeira década e reducir nunhas mil toneladas anuais a recollida de residuos orgánicos, xa que son os que máis encarecen os custos do tratamento do lixo”. Ademais tamén indicou que o novo contrato, que estará vixente no segundo semestre de 2025, levará aparellada unha mellora no servizo e na imaxe, xa que se renovará todo o parque de contedores existente no concello e que actualmente se atopa nun notable estado de deterioro.
Tal e como lembrou o alcalde de Soutomaior, a transposición a normativa europea na Lei de Residuos do Estado español establece que a queima de residuos que practica Sogama, modelo da Xunta, non pode considerarse un tratamento sostible e polo tanto terá que pagarse sen ningún tipo de subvención ambiental. Iso quere dicir que as administracións están obrigadas a repercutir nos usuarios o custe total do tratamento do lixo.
“Trátase dunha suba por imperativo legal que estamos a levar concellos de todas as cores políticas”, sinalou Manu Lourenzo, quen tamén indicou que “desde o Goberno de Soutomaior levamos meses a traballar para que o recibo do lixo que pagan os nosos veciños e veciñas suba o mínimo posible, facendo fronte aos efectos do taxazo de Sogama imposto pola Xunta de Galicia”.
“Imos apostar por un modelo de recollida e xestión de residuos que sexa moderno, sostible e ecolóxico. Queremos converter o noso concello nunha referencia nos iguale con outras zonas e países de Europa no que o tratamento dos residuos é un eixo de traballo prioritario. Soutomaior ten unha sociedade sensibilizada co medio ambiente, que ten claro que para deixar o mellor mundo posible aos nosos fillos e ás xeracións que están por vir compre traballar en mellorar o modelo de recollida e tratamento do lixo”, concluíu Manu Lourenzo.