A ponte
Construída e reconstruída en pedra, de rasante case horizontal, a ponte destaca polos seus dez arcos e once piares, protexidos a ambos costados por potentes tallamares que fan fronte á corrente do río e á forza das mareas. Os seus 144 metros de lonxitude conectan ambas beiras, permitindo salvar as augas do río Verdugo preto da súa desembocadura.

Unha ponte chea de historia
Situada na principal vía de comunicación entre o sur e o norte de Galicia, a ponte de Pontesampaio foi punto de paso obrigado dende a Antigüidade. De orixe medieval, aínda que probablemente levantada sobre os restos dunha ponte romana anterior, ao longo dos séculos sufriu múltiples reconstrucións froito dos avatares da historia.
A referencia documental máis antiga data do século XI. Coñecida como Ponti Sancti Pelagii de Luto, estaba baixo o control dos señores do castelo próximo, sendo necesaria pagar portádego para cruzala. No século XV sufrirá unha importante reforma ao engadirse dúas torres defensivas aproveitando as pedras do castelo derrocado. Non obstante, pouco tempo duraron, seguindo o mesmo destino que a fortaleza debido aos conflitos señoriais da época entre os Soutomaior e os arcebispos de Santiago.
Porén, o acontecemento ao que quedou para sempre ligada foi a batalla de Pontesampaio, que se librou en xuño de 1809, no contexto da Guerra de Independencia. A contenda a deixou malparada, con varios dos seus arcos derrubados que tiveron que ser reconstruídos con posterioridade.
A batalla de Pontesampaio en 6 momentos clave
Os días 7 e 8 de xuño de 1809, no contexto da Guerra da Independencia (1808-1814), enfrontáronse en Pontesampaio as tropas francesas contra un continxente de milicias galegas e tropas regulares españolas. A derrota do exército francés forzou a súa retirada de Galicia, ficando esta libre de ocupación ata o fin da guerra.
A.- Reconquista de Vigo: trala liberación da cidade o 28 de Marzo de 1809, o exército francés reprégase en Pontevedra.
B.- Reagrupamento francés: ameazados polo avance español, as tropas francesas retíranse e reagrúpanse en Santiago de Compostela.
C. Marcha cara o sur: tras recibir reforzos chegados da Coruña, os franceses emprenden marcha cara o sur de Galicia para recuperar as prazas perdidas.
D. A defensa de Pontesampaio: Pablo Morillo e o conde de Noroña, ao mando da “División do Miño” con preto de 10.000 efectivos entre milicias galegas e tropas regulares, deciden deter o avance francés en Pontesampaio. Atrincheirados na beira sur, reforzan a súa posición con artillería dende terra e botes canoneiros na ría, comandados por John O´Doherty. Previamente varios arcos da ponte foran derrubados para dificultar calquera avance inimigo.
E. O ataque: o 7 de xuño, tras un prolongado intercambio de artillaría, o mariscal Ney ao mando de 10.000 franceses, lanza un ataque frontal sobre a ponte, sendo repelido con numerosas baixas. Ao día seguinte os intentos céntranse augas arriba, ao mesmo tempo que se combate en Pontesampaio. Todas as tentativas resultarán inútiles.
F. A retirada: o 9 de xuño o mariscal Ney ordena a retirada cara a Lugo onde se reúnen coas restantes tropas francesas en chan galego antes de abandonar Galicia definitivamente.
O fin da guerra
Rematada a Guerra da Independencia no ano 1814, regresou o rei deposto Fernando VII. O monarca deu un golpe de Estado restaurando o absolutismo e abolindo a Constitución de Cádiz de 1812, – a primeira promulgada en España -. Anulábanse así moitas das reformas e avances inspirados nas ideas ilustradas europeas.
O camiño de Santiago
A principal ruta xacobea procedente de Portugal atravesa Soutomaior procedente do sur e cruza a ponte de Pontesampaio cara á cidade de Pontevedra. Este foi un paso obrigado dende os inicios da peregrinación.
Para facilitar o paso dos peregrinos cara a Compostela, os arcebispos de Santiago durante a Idade Media procuraron con éxito que o portádego que se cobraba para cruzar a ponte fose suprimido.
Hoxe, seguindo esta tradición milenaria, son numerosos os camiñantes que, no seu andar cara á cidade do apóstolo, salvan as augas do río Verdugo por esta histórica ponte, do mesmo xeito que o fixeron milleiros ante ca eles ao longo dos séculos.








