Máis de 250 escolares de educación primaria e secundaria do concello de Soutomaior participaron nesta xornada na II edición de Soutomaior Acende a Lingua. Unha actividade de intercentros educativos onde se correu pola lingua galega prestando especial atención, neste ano, ás canteiras da nosa terra homenaxeadas no día das Letras Galegas.
16 de maio, Soutomaior. O concello de Soutomaior acendeu a lingua neste 16 de maio. Dentro da programación das Letras Galegas o concello de Soutomaior organizou nesta xornada a segunda edición desta iniciativa que é “Soutomaior acende a Lingua”. Unha actividade cuxo obxectivo principal é amosar, a través dos cánticos, bailes e a convivencia a importancia de falar a nosa lingua, o galego, a importancia de transmitir e do relevo xeracional do noso idioma.
As 10:15h. Soutomaior comezou a acender a Lingua en Salgueirón coas alumnas e alumnos do Colexio Santiago Apóstol, estes estudantes iniciaron o percorrido para coller no IES aos estudantes deste instituto onde xuntos seguiron ata o CEIP Padín Truiteiro para coller os máis pequenos desta iniciativa, as alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria. O percorrido levounos, con cánticos, bailes e moito divertimento ata a Praza de Talo Río.
Unha vez que chegaron a Talo Río, tiveron tempo para merendar e, a continuación, desfrutar da actuación de Álvaro R. Carballo e Patri S. Seoane que fixeron un percorrido pola historia dos instrumentos máis tradicionais da nosa cultura galega, onde como non, estivo moi presente o pandeiro, de Soutomaior, de Maruja das Cortellas.
Trala actuación, Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, fixo entrega aos centros participantes, CEIP Manuel Padín Truiteiro, IES Soutomaior e Colexio Santiago Apóstol dunha placa conmemorativa pola participación nesta iniciativa. O alcalde aproveitou a ocasión para lembrar a historia da nosa lingua e o importante que é mantela viva, Lourenzo dixo “que o galego non é mellor nin peor que outras linguas, pero é a nosa lingua e nos vosas mans está a labor de que perviva co paso do tempo”
Como colofón final, alumnas e alumnas dos centros participantes subiron ao escenario para cantar as cancións da cultura popular galega preparadas para esta xornada. Un momento onde non faltou a Carolina ou Palmira.