O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o Goberno local dá un novo paso nos asfaltados nas vías de titularidade municipal co asfaltado de Moreira (Fondo de Vila), no Camiño de Sameán e no acceso da Montesiña a Candán.

24 de setembro, Soutomaior. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiros Pablo Garrido achegáronse este mércores ata o barrio de Moreira, onde nos vindeiros días comezarán os traballos para levar a cabo o asfaltado, no tramo que quedaba pendente en Fondo de Vila. Trátase dun dos tres asfaltados que integran a tripa actuación que o Goberno de Soutomaior anunciou para os barrios de Moreira, Sameán e Candán. Unha importante actuación que se fai ao abeiro do Plan Camiña Rural da Xunta de Galicia e que conta cun investimento de máis de 51 mil euros.

Ao tempo que se leven a cabo os asfaltados, o Goberno de Soutomaior está a aproveitar estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se arranxen, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.

Unhas actuacións mediante as cales se mellorará o mobiliario nestes barrios e tamén a accesibilidade a estas zonas do concello.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o obxectivo principal do asfaltado destas estradas municipais é subsanar de maneira completa os numerosos desperfectos que desde hai anos presentan estas vías. “Estamos a mellorar pouco a pouco as estradas e vías municipais e polas que cada día circulan centos de veciños e veciñas”.

Manu Lourenzo engadiu que “no Goberno de Soutomaior estamos convencidos que o rural ten dereito a contar cunhas vías que lles permitan desenvolver o seu día a día nas mellores condicións. No canto de realizar simples bacheados, estamos a realizar un importante esforzo para facer asfaltados completos e que os nosos veciños e veciñas conten cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais”, concluíu Manu Lourenzo.