O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, expuxo nesta xornada á Vicepresidenta da Deputación e resposable da área de Deportes, Luísa Sánchez, o proxecto que o Goberno de Soutomaior presentou ao Fondo Extraordinario de Infraestructuras Deportivas da Deputación

19 de marzo. Manu Lourenzo presentou á Vicepresidenta da Deputación provincial, Luísa Sánchez, o proxecto do campo de fútbol Graciano Padín. Nesta xornada onde a Vicepresidenta visitou Soutomaior e quixo coñecer de primeira man o proxecto deste campo de fútbol do concello.

Trátase dunha actuación, realizada ao abeiro dos fondos extraordinarios de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial, mediante a cal, o Goberno de Soutomaior, investirá  123 mil euros no arranxo do peche exterior do campo, o cambio das redes protectoras e a renovación do actual sistema de rego.

Con esta actuación o Goberno de Soutomaior avanza xa na segunda fase do arranxo do campo Graciano Padín, despois de investir en 2024 case 60.000 euros no arranxo do acceso principal ao recinto deportivo e en varias instalacións e 20.000 euros máis para a instalación dun sistema de aerotermia nos vestiarios.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o campo de fútbol Graciano Padín pasará a ser un recinto deportivo do século XXI, poñéndose á altura doutras instalacións deportivas municipais nas que tamén se están a realizar importantes actuacións dende o Goberno Local”.

Así, o alcalde Manu Lourenzo lembrou que “o campo Graciano Padín é empregado cada semana por máis de 200 rapaces e rapazas do noso concello e polas súas familias, que merecen unhas instalacións deportivas á altura. Ademais, cada fin de semana decenas de persoas entre xogadores/-as e seareiros doutras zonas da provincia chegan ao Graciano Padín. É por iso que no Goberno queremos que este campo, ao igual que no resto de instalacións que estamos facendo investimentos, sexan o vivo exemplo da transformación que estamos a realizar no concello”.

Neste sentido, Lourenzo subliñou que “estamos a realizar máis investimentos ca nunca na historia da parroquia de Soutomaior. A praza na carreira de bolos da Pedreira, os asfaltados nos diferentes barrios, os proxectos para unha praza na Casa do Concello e a reurbanización e mellora do Val-Sobral… a iso hai que sumarlle os proxectos nos que o Goberno de Soutomaior está traballando para todos os barrios do concello. Esta é a transformación rural e urbana que o noso concello necesitaba e que estamos levando a cabo, co claro compromiso de mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde de Soutomaior.

Esta mañá a secretaria do concello de Soutomaior recibiu a obra, cunha visita na que estiveron presentes o equipo redactor, o Goberno Local e tamén a empresa de Construcións Castro, encargada de realizar estes traballos

Soutomaior, 13 de marzo. O Goberno de Soutomaior vén de recibir hoxe a obra de transformación da praza da Carreira dos Bolos do barrio da Pedreira. Unha importante actuación na que o Goberno local inviste preto de 200 mil euros no rural de Soutomaior ao abeiro do Plan Concellos da Deputación Provincial.

Soutomaior aposta por un modelo de transformación urbana e rural que mellore a calidade das veciñas e veciñas. Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “en Soutomaior témolo todo para contar cun rural que fixe poboación e sexa unha referencia de calidade de vida e de mobilidade”. Ao que Lourenzo engadiu que “dende o Goberno local facemos aposta forte polo rural con proxectos como este que acabamos de finalizar, a mellora e humanización do Val Sobral, as melloras de camiños e espazos veciñais, dos campos de fútbol e cun proxecto importantísimo para a transformación do noso concello como é o ecoparque empresarial”.

Lourenzo ten claro que “Soutomaior agora mesmo funciona grazas a unha xestión económica que nos permite facer investimentos como nunca, algo que é posible grazas ao traballo man a man do Goberno cos funcionarios e veciñanza do concello”.

O proxecto finalizado nesta xornada e deseñado polo estudo Cendón-Vázquez Arquitectos, trae consigo traballos na contorna da praza da Pedreira,  humanizando e modernizando os espazos que a conforman. Ademais, as obras tamén compren o obxectivo de recuperar a esencia tradicional deste espazo no que hai décadas os veciños e veciñas do barrio xuntábanse para xogar aos bolos celtas.