O Concello ofrece á veciñanza un servizo gratuíto de recollida a domicilio e pon á súa disposición “bigbags” sen custo no Punto Limpo da Montesiña ou nas oficinas do Concello de Soutomaior.
Soutomaior, 6 de outubro. O Concello de Soutomaior continúa avanzando na mellora dos servizos municipais de limpeza e xestión de residuos, dentro da súa campaña Conscientes, coa posta á disposición da veciñanza dun servizo gratuíto de recollida de restos de poda a domicilio.
Para facilitar o uso deste servizo, as persoas que o necesiten poden achegarse ao Punto Limpo da Montesiña ou ás oficinas do Concello de Soutomaior para recoller de balde unha “bigbag”, destinada ao depósito dos restos de poda. No propio Punto Limpo e no Concello informarase sobre o funcionamento do servizo e os pasos necesarios para solicitar a súa posterior recollida a domicilio.
Unha vez preparada a “bigbag”, para solicitar a recollida dos restos é necesario contactar con Urbaser no teléfono 986 67 80 46, onde se facilitará a información necesaria para coordinar a retirada.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca que “desde o Concello estamos a traballar para facilitar á veciñanza ferramentas que permitan xestionar correctamente os residuos que se xeran nos fogares, ao tempo que melloramos a limpeza e o coidado dos nosos espazos públicos”. “A sustentabilidade tamén se constrúe con pequenos xestos do día a día. Poñer estes servizos á disposición da veciñanza facilita que os restos de poda teñan o tratamento axeitado e evita que rematen en lugares onde non corresponde”, sinala o alcalde.
Esta medida súmase ás diferentes actuacións que o Concello está a desenvolver para mellorar a xestión dos residuos, fomentar a separación e reciclaxe e avanzar cara a un Soutomaior máis limpo e respectuoso co medio ambiente.
Desde o Concello lémbrase a importancia de non depositar os restos de poda nos colectores convencionais nin abandonalos en espazos públicos, e anímase á veciñanza a utilizar os recursos municipais dispoñibles para realizar unha correcta xestión destes residuos.
Como utilizar o servizo?
📍 Achegarse ao Punto Limpo da Montesiña ou as oficinas do Concello de Soutomaior.
♻️ Recoller gratuitamente unha “bigbag” para os restos de poda.
☎️ Chamar a Urbaser ao 986 67 80 46 para solicitar a recollida a domicilio.