O alcalde de Soutomaior Manu Lourenzo sinalou que o Goberno local dá un novo paso no seu plan de asfaltados nas vías de titularidade municipal

8 de maio. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo e os concelleiro de obras,  Pablo Garrido, achegáronse ata Salgueirón, onde hoxe finalizaron os traballos de asfaltado desta zona de Arcade, unha zona moi transitada debido a que aquí se atopa o Campo de Fútbol do Arcade.

Con esta obra finaliza a tripla actuación que o Goberno de Soutomaior anunciou  e levou a cabo nos barrios de Moreira e Lourido e no campo de fútbol de Salgueirón. Unha importante actuación que contou cun investimento aproximado de máis de 70.000 euros.

Os asfaltados nos barrios de Moreira e Lourido e no campo de Salgueirón, súmanse así aos xa realizados durante o pasado ano no barrio da Feira, nas rúas de Cochón e da Lavandeira; na estrada que conecta o barrio de Moreira co Viso, en Redondela; e o máis recente, o da estrada que une os barrios de Romariz e Comboa, entre outros. O Goberno de Soutomaior tamén anunciou que levará a cabo o arranxo da estrada principal do Val-Sobral. Unha actuación que tamén leva aparellada a reurbanización e humanización deste núcleo rural.

Ao tempo que se levaron a cabo os asfaltados, o Goberno de Soutomaior está a aproveitando estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se arranxen, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que o obxectivo principal deste plan de asfaltados en estradas municipais que se está a levar a cabo en varias fases é subsanar de maneira completa os numerosos desperfectos que desde hai anos presentan estas vías. “No Goberno de Soutomaior estamos convencidos que o rural ten dereito a contar cunhas vías que lles permitan desenvolver o seu día a día nas mellores condicións. No canto de realizar simples bacheados, estamos a realizar un importante esforzo para facer asfaltados completos e que os nosos veciños e veciñas conten cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais”, concluíu Manu Lourenzo.