4 de maio. Este sábado tivo lugar no barrio das Cortellas a homenaxe do Concello de Soutomaior a María Grande Sobral (1931-2013), ‘Maruja da Cregha’, considerada a mellor tocadora de pandeiro de todo o País. Un xornada de actividades coa que o Goberno de Soutomaior deu comezo ao seu mes das Letras Galegas.
O día comezou coa descuberta dunha talla en madeira realizada polo artista local Marcos Mariño. Un acto ao que asistiron, ademais do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo e a concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, familiares e coñecidos e coñecidas de Maruja das Cortellas, como tamén era coñecida. A peza, unha representación de María Grande tocando o pandeiro, pódese ver na Casa do Concello, onde quedará exposta.
Xa pola tarde as actividades trasladáronse ata as Cortellas, onde o alcalde Manu Lourenzo e parte dos fillos que tivo Maruja descubriron unha placa colocada na casa natal da tocadora de pandeiro en homenaxe ao seu legado.
Tras iso comezou unha palestra na Casa do Pobo das Cortellas, moderada por Vanesa Barreiro, veciña de Cortellas, e que contou coa participación de Xabier Díaz, recoñecido músico e investigador galego; Lucía Lorenzo, membro do Grupo de Baile e pandeireteiras de Soutomaior, entre outros; Marcelo DoBode, veciño de Soutomaior e artista multidisciplinar; Isabel Blanco, cantareira de Lourido; e Olalla Lomba e Begoña Fernández, dúas iniciadas no mundo da música tradicional galega. Un faladoiro na que cada un e cada unha das participantes resaltaron a importancia da figura de Maruja das Cortellas e o seu legado.
Ao remate tivo lugar un obradoiro de baile a cargo do propopio Marcelo DoBode e o posterior serán, ao que acudiron agrupacións dos barrios do concello e de varias aldeas e parroquias veciñas.
Para o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “esta xornada é un acto de xustiza para poñer no lugar que se merece o legado que nos deixou Maruja das Cortellas, estudiada e recoñecida ao longo de todo o País. O verdadeiro recoñecemento que lle podemos facer a María é seguir promovendo o pandeiro e en xeral a música e o baile tradicional, para que o seu legado vaia máis alá das nosas vidas a través das xeracións futuras”.
Neste sentido, Manu Lourenzo sinalou que “o Goberno de Soutomaior está a traballar de maneira constante pola promoción da lingua e a cultura galega, cunha axenda de actividades que é a punta de lanza da contorna e que trae ao noso concello algúns dos e das mellores artistas do noso País en diferentes ámbitos artísticos e culturais”.