Esta cantidade é froito dun modelo de xestión económica baseado na captación de financiamento externo, o que leva a Soutomaior actualmente a manexar un orzamento e vivir unha realidade financeira e económica sen precedentes no noso concello.

29 de agosto. Soutomaior chega ao peche do mes de agosto cun orzamento para o ano 2025 que supera os 9,4 millóns de euros. Trátase unha cifra record, xa que o que ata o de agora era o orzamento máis alto do noso concello, o de 2024 (tamén conseguido polo actual Goberno de Soutomaior) pechouse en 8,4 millóns de euros.

Este crecemento do orzamento municipal é froito dun modelo de xestión económica baseado na captación de financiamento externo (máis de 3 millóns de euros en subvencións e achegas conseguidos polo Goberno de Soutomaior só no que vai de ano). Con esta situación, o noso concello vive unha nova realidade financeira e económica, o que conleva que o Goberno local teña que adaptarse a esta nova coxuntura.

Así, o Goberno de Soutomaior levará a vindeira semana a pleno unha modificación orzamentaria para acometer os gastos da última parte do ano, na que entre obras xa iniciadas e as que comezarán nas vindeiras semanas, Soutomaior investirá máis de 3 millóns de euros.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con estes números, o orzamento de Soutomaior para 2025 ten xa un incremento de case 70% con respecto ao orzamento inicial, cun investimento en obras e proxectos como nunca en Soutomaior. Estas cifras dan boa mostra da excelente saúde económica na que se atopa o noso concello”.

Para adaptarse a esta nova realidade, o Goberno local xa traballa nun novo plan financeiro e económico que se axuste realmente ao que Soutomaior hoxe precisa. “Os datos referendan que co plan económico do Concello deseñado polo anterior Goberno local non podemos facer fronte a actual situación económica municipal, xa que este contempla unhas expectativas moi por debaixo do benestar económico no que hoxe Soutomaior vive”.

Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo agradeceu “o inmenso traballo realizado polas técnicas e servizos municipais, así como polo equipo de Goberno, para que hoxe a realidade financeira e económica de Soutomaior estea no punto no que está. No Goberno actual traballamos para elaborar un novo plan que si se adapte a esta nova realidade e nos permita seguir transformando Soutomaior a este ritmo e incluso incrementalo”.