Estas actuacións súmanse á instalación dun sistema de aerotermia no campo para mellorar a eficiencia enerxética e reducir o consumo de combustible.

18 de marzo. O Goberno de Soutomaior está a levar a cabo a posta a punta do campo municipal de fútbol de Salgueirón. En concreto, procedeuse a renovar o sistema de rego do campo de fútbol e o sistema de alumeado, así como determinadas tarefas de mantemento. Entre estes mantementos e a renovación dos sistemas de rego e alumeado, o Goberno de Soutomaior investiu preto de 10.000 euros de fondos propios.

Ademais, tamén está previsto que nos vindeiros días se leve a cabo o asfaltado completo da zona de aparcadoiro e acceso ao campo de fútbol. Só neste asfaltado o Goberno de Soutomaior realizará un investimento de 20.000 euros de fondos propios.

Ademais, o Goberno de Soutomaior substiuíu o ano pasado as obsoletas caldeiras de gasoil do campo por un sistema de aerotermia máis eficiente a nivel enerxético e moito máis económico para as arcas municipais, xa que se reduciu notablemente o consumo de combustible. Para levar a cabo a instalación da aerotermia no campo de Salgueirón, o Goberno de Soutomaior investiu outros 35.000 euros grazas a conseguir unha subvención do Fondo de Cooperación Local.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes investimentos teñen por obxectivo corrixir os problemas detectados polo Concello na instalación deportiva e os trasladados pola directiva do CD Arcade, coa que mantemos comunicación constante e fluída. Trátase dun campo no que cada día adestran centos de rapaces e rapazas e que reúne cada fin de semana a equipos e familiares de aquí e doutros concellos da contorna, polo que as instalacións de Salgueirón teñen que estar nas mellores condicións”.

O alcalde tamén sinalou que o Goberno segue traballando de cara ao futuro para realizar máis investimentos e actuacións no campo de Salgueirón e nas demais instalacións deportivas municipais. Para poder levar a cabo estes investimentos e en xeral todos os investimentos que se están a levar a cabo nos barrios, Manu Lourenzo destacou a boa saúde económica na que se atopa hoxe Soutomaior, referendada polos informes de intervención e secretaría ao peche da liquidación de 2024.

Neste sentido, o alcalde sinalou que “hoxe Soutomaior é un concello coas contas saneadas, cun aforro próximo aos 2 millóns de euros e que en 2025 terá a súa disposición máis de 3 millóns de euros para investimentos en obras e proxectos nos barrios do noso concello, cos que mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.

Esta mañá a secretaria do concello de Soutomaior recibiu a obra, cunha visita na que estiveron presentes o equipo redactor, o Goberno Local e tamén a empresa de Construcións Castro, encargada de realizar estes traballos

Soutomaior, 13 de marzo. O Goberno de Soutomaior vén de recibir hoxe a obra de transformación da praza da Carreira dos Bolos do barrio da Pedreira. Unha importante actuación na que o Goberno local inviste preto de 200 mil euros no rural de Soutomaior ao abeiro do Plan Concellos da Deputación Provincial.

Soutomaior aposta por un modelo de transformación urbana e rural que mellore a calidade das veciñas e veciñas. Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “en Soutomaior témolo todo para contar cun rural que fixe poboación e sexa unha referencia de calidade de vida e de mobilidade”. Ao que Lourenzo engadiu que “dende o Goberno local facemos aposta forte polo rural con proxectos como este que acabamos de finalizar, a mellora e humanización do Val Sobral, as melloras de camiños e espazos veciñais, dos campos de fútbol e cun proxecto importantísimo para a transformación do noso concello como é o ecoparque empresarial”.

Lourenzo ten claro que “Soutomaior agora mesmo funciona grazas a unha xestión económica que nos permite facer investimentos como nunca, algo que é posible grazas ao traballo man a man do Goberno cos funcionarios e veciñanza do concello”.

O proxecto finalizado nesta xornada e deseñado polo estudo Cendón-Vázquez Arquitectos, trae consigo traballos na contorna da praza da Pedreira,  humanizando e modernizando os espazos que a conforman. Ademais, as obras tamén compren o obxectivo de recuperar a esencia tradicional deste espazo no que hai décadas os veciños e veciñas do barrio xuntábanse para xogar aos bolos celtas.