- Un desfile de comparsas, que se celebrou na pasada tarde- noite, e no que participaron 12 comparsas chegadas de diferentes puntos da provincia, unha municipal e 2 convidadas, que son as do concello. Un desfile que estivo encabezado por “Juan de Arcade” o pregoeiro deste Entruido en Soutomaior.
- O desfile contou cun tramo silencioso dende o comezo, no Calvario, ata o cruce de Cima de Vila.
- O premio especial inclusividade levouno a Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela, o terceiro premio foi para Asociación Carnavalera Os Campechanos, o segundo premio para Asociación Cultural Trompos Ós Pés – Parrulos de Marín e o primeiro premio foi para Asociación Os Festeiros de Bembrive.
23 de febreiro, Soutomaior. Cor, alegría, divertimento e moita festa foron os protagonistas do desfile de comparsas que marcan o inicio do Entruido de Soutomaior e que se celebrou na pasada tarde-noite polas rúas de Arcade.
Ás 17:30h. en punto saíu este desfile dende a rúa Calvario. O primeiro tramo do desfile foi o “tramo silencioso” para que todas as persoas puidesen desfrutar en igualdade de condicións desta cita tan agardada. O tramo silencioso foi dende o inicio, no Calvario, ata o cruce de Cima de Vila.
Neste desfile participaron 12 comparas: Asociación Cultural Amigos dos Rapaces, Asociación Cultural Trompos Ós Pés – Parrulos de Marín, Asociación A Pandilla, Asociación o Millor de cada Casa de Vincios, Asociación Carnavalera Os Campechanos, Asociación Cultural de Pontellas, Asociación Os Festeiros de Bembrive, Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela, Asociación Agrupación Cultural A Cividade, Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño, Asociación Os Da Casa, Asociación Cultural de Festas de Cepeda. A estas comparsas uníronse a Comparsa Municipal e dúas convidadas, as do concello, a Asociación Cultural Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos, sumando así 15 comparsas en total. A temática do desfile foi moi variada: fantasía, xogos, aventura, viaxes, personaxes históricos e da realeza, natureza, circo, piratas…
Un desfile que estivo encabezado polo pregoeiro deste ano “Juan de Arcade”, un home popular e coñecido no concello que elixiu, para esta ocasión tan especial, un disfrace que homenaxeaba a ostra, a hostalería e o mar, factores moi importantes para o Concello de Soutomaior. Juan foi o encargo de encabezar este desfile e tamén de entreter, saudar e cantar e bailar durante todo o percorrido.
Unha vez que todas as comparsas chegaron a Talo Río tivo lugar a entrega dun agasallo por parte da concelleira de Promoción Económica, Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña, a cada unha das comparsas participantes que foi unha peza única e exclusiva de cerámica realizada pola artista local Paula Pereira.
A continuación foi a quenda da lectura do pregón e actuación de Fabio e despois chegou un dos momentos máis agardados, Rosana Comesaña fixo entrega dos premios desta edición do desfile. O premio especial inclusividade (100 euros) levouno a Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela, o terceiro premio (600 euros) foi para Asociación Carnavalera Os Campechanos, o segundo premio (800 euros) para Asociación Cultural Trompos Ós Pés – Parrulos de Marín e o primeiro premio (1000 euros) foi para Asociación Os Festeiros de Bembrive.
Trala entrega de premios a festa continuou en Talo Río coa actuación do Trío Azabache.
PROGRAMACIÓN ENTRUIDO SOUTOMAIOR
A programación continuará o venres 28 de febreiro co desfile polas rúas de Arcade das pequenas e pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro
O sábado 1 de marzo centrarase toda a actividade na Casa do Pobo da Pedreira, onde terá lugar o Encontro de Entruidos coa sesión vermú protagonizada por “Fanfarria Furruxa”, a continuación será o Xantar Veciñal do Galo con arroz. Tralo xanta, terá lugar a Procesión do Galo con xogos e actividades infantís e cunha verbena con música popular co “Dúo Marema”.
O domingo, 2 de marzo, as pequenas e pequenos serán os grandes protagonistas coa súa Festa infantil: Quiquiriquí o galo corre aquí que se celebrará na Alameda de Talo Río. Unha cita onde as quiricas e quiricos farán moitos xogos populares e onde poderemos desfrutar do gran espectáculo de “Barafunda no galiñeiro”:
O martes, 4 de marzo, martes de Entruido, virá marcado pola fiada. Unha cita onde participarán as pandereteiras de Gharghamala pandereteiras de Aboal as de TouTón de Pazos de Borbén, Pandereteiras de San Vicente, e da Hermida, e moitas máis. Todo aquel que queira unirse está convidado a participar nesta Fiada do martes de Entruido que se celebrará de 20:30 a 00:00h.
E para rematar o Entruido, o concello de Soutomaior volve a recuperar o enterro da sardiña, que terá lugar o 5 de marzo, mércores de cinza, e que sairá ás 19:30h. da Praza de Cima de Vila. O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizar no campo da petanca onde despediremos a nosa sardiña. Un evento no que colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.
omover a reflexión social.