A karateca soutomaiorense, integrante do Club Gimsport Pontevedra, pechou a tempada 2025-2026 como Grand Winner da súa categoría tras conseguir catro medallas de ouro e acumular importantes éxitos en competicións nacionais e internacionais

Soutomaior, 30 de outubro. O O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, recibiu a karateca Ariadna Álvarez Guadarrama, veciña do municipio e integrante do Club Gimsport Pontevedra, para trasladarlle persoalmente os parabéns polo seu recente éxito deportivo: a medalla de bronce acadada no Trofeo Internacional Princesa de Asturias, celebrado en Oviedo.

A deportista soutomaiorense conseguiu subir ao podio tras completar unha gran competición e enfrontarse a rivais de alto nivel nunha cita internacional de referencia desta disciplina.

Este novo resultado súmase a unha tempada chea de éxitos para Ariadna. A karateca rematou a tempada 2025-2026 como Grand Winner na categoría infantil feminina de kata, despois de participar nas catro roldas da competición e conseguir catro medallas de ouro, un pleno de vitorias que lle permitiu proclamarse gran gañadora da tempada. O recoñecemento fíxose efectivo no Pavillón Municipal de Cedeira, na Coruña.

A súa traxectoria recente inclúe tamén importantes resultados no ámbito internacional, como a conquista do Open Internacional de Karate de Entroncamento, en Portugal, onde se proclamou campioa tras superar varios encontros de gran nivel competitivo.

Durante a recepción, Manu Lourenzo felicitou a Ariadna polos resultados acadados e polo traballo, a constancia e o esforzo que hai detrás de cada éxito.

«É unha enorme satisfacción recibir a Ariadna e poder felicitala persoalmente por esta traxectoria. Os seus resultados son froito de moitas horas de adestramento, sacrificio e ilusión. Para Soutomaior é un orgullo contar con deportistas que, coa súa dedicación, levan o nome do noso municipio a competicións nacionais e internacionais. Queremos recoñecer o seu traballo e animala a seguir medrando e cumprindo novos retos deportivos», sinalou o alcalde.

Tras este excelente percorrido, Ariadna xa mira cara aos próximos campionatos internacionais nos que participará, aos que chega avalada por unha tempada de grandes resultados.

Desde o Concello de Soutomaior trasladan os seus parabéns á deportista, ao Club Gimsport Pontevedra e á súa contorna deportiva, e deséxanlle moitos éxitos nos vindeiros desafíos.