O Concello solicita unha reunión urxente coa Xefatura Territorial de Educación para buscar unha solución que garanta a igualdade de oportunidades do alumnado

24 de xullo, Soutomaior.  As familias do IES Soutomaior manifestaron a súa preocupación pola decisión da Consellería de Educación de non autorizar a impartición das materias de Latín e Debuxo Técnico en 1º de Bacharelato para o vindeiro curso, unha medida que consideran un grave prexuízo para o alumnado e que limita as súas posibilidades de acceso a determinados estudos universitarios.

Segundo explican, a decisión responde á aplicación do criterio de non impartir materias con menos de cinco alumnos matriculados. Ata o de agora, estas excepcións viñan sendo autorizadas, permitindo que o alumnado puidese cursar materias fundamentais para o seu itinerario académico. Porén, este curso, no marco das medidas de recorte aplicadas pola Inspección Educativa, a autorización foi denegada.

Desde o IES Soutomaior aclaran que a única solicitude formal realizada ante a Consellería foi a de manter a materia de Latín I en 1º de Bacharelato, ao considerar que se trata dunha materia esencial para o itinerario de Humanidades. No caso de Debuxo Técnico, aínda que había dúas alumnas interesadas en cursala, o centro non solicitou a súa continuidade porque, a diferenza do caso de Latín, o profesorado do departamento non dispón de carga horaria suficiente para impartir esta materia.

No caso de Latín, trátase dunha materia troncal da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. O alumnado debe elixir entre Latín e Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, pero ao non autorizarse a súa impartición, desaparece esta opción. Ademais, o Latín é unha materia de continuidade: quen non a curse en primeiro tampouco poderá facelo en segundo de Bacharelato, o que supón unha importante desvantaxe para o alumnado que queira acceder a graos relacionados coas Humanidades, onde esta materia pondera de maneira significativa na nota de acceso á universidade.

Pola súa banda, Debuxo Técnico é unha das materias troncais da modalidade de Ciencias e Tecnoloxía, xunto con Tecnoloxía e Enxeñaría e Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais. A súa desaparición afecta especialmente ao alumnado que pretende cursar enxeñarías, arquitectura ou outras titulacións tecnolóxicas nas que esta materia resulta determinante para mellorar a nota de acceso.

Como alternativa, Educación ofrece que ambas materias poidan cursarse en modalidade en liña, co alumnado obrigado a realizar os exames presenciais en Santiago de Compostela. As familias consideran que esta opción non garante unha formación equivalente, xa que se trata de materias cun alto contido práctico e técnico, nas que a docencia presencial resulta fundamental para a correcta aprendizaxe. Ademais, esta situación compromete tamén a continuidade dos estudos en 2º de Bacharelato.

Como alternativa, Educación ofrece que estas materias poidan cursarse en modalidade en liña, co alumnado obrigado a realizar os exames presenciais en Santiago de Compostela. As familias consideran que esta opción non garante unha formación equivalente, xa que se trata de materias cun elevado contido práctico e técnico nas que a docencia presencial resulta fundamental. Ademais, esta situación condiciona tamén a continuidade dos estudos en 2º de Bacharelato.

No caso de Latín, as familias subliñan que a profesora da especialidade ten destino definitivo no IES Soutomaior e permanecerá no centro impartindo outras materias, polo que consideran que existen recursos para manter esta asignatura.

Ante esta situación, a ANPA do IES Soutomaior presentará un escrito dirixido á Inspección Educativa solicitando que se reconsidere a decisión e se autorice a impartición de Latín I no centro, ademais de reclamar solucións que permitan ampliar a oferta educativa do alumnado.

Pola súa banda, o Goberno de Soutomaior solicitou xa unha reunión urxente coa Xefatura Territorial de Educación para analizar esta problemática e buscar unha solución que evite que o alumnado do municipio quede en inferioridade de condicións respecto ao doutros centros educativos de Galicia.

O Executivo local considera que esta redución da oferta educativa supón unha perda de oportunidades para os mozos e mozas de Soutomaior e defenderá ante a Administración autonómica a necesidade de garantir un Bacharelato completo que asegure a liberdade de elección e a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.