A actuación, subvencionada a través do Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra, conta cun investimento previsto de máis de 84.000 euros no camiño de Barreiriña e camiño do Carrascal e permitirá mellorar o firme e a evacuación das augas pluviais en dous viarios municipais da parroquia de Soutomaior.
Soutomaior, 13 de novembro. O Concello de Soutomaior continúa avanzando no seu programa de mellora das infraestruturas municipais e de dinamización do medio rural coa elaboración do proxecto de drenaxe e repavimentación dos camiños de Barreiriña e Carrascal, na parroquia de Soutomaior.
A intervención ten como obxectivo mellorar o estado destes dous viarios de titularidade municipal, que presentan un importante deterioro e precisan actuacións tanto no sistema de evacuación das augas pluviais como na pavimentación, co fin de facilitar os desprazamentos e mellorar as condicións de seguridade e comodidade das persoas usuarias.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca que «seguimos traballando para que as melloras nas infraestruturas cheguen tamén ao noso rural, atendendo as necesidades dos distintos lugares e parroquias do municipio. Os camiños municipais son fundamentais na vida diaria da veciñanza e debemos garantir que estean nas mellores condicións posibles».
O proxecto contempla actuacións diferenciadas en ambos os camiños. No de Barreiriña intervirase sobre unha lonxitude total de 330 metros, distribuídos en dous tramos: un primeiro de 212 metros cunha anchura media de 4,5 metros e un segundo de 118 metros cunha anchura media de 5 metros.
Pola súa banda, no camiño de Carrascal a actuación abranguerá unha lonxitude de 254 metros, cunha anchura media de 3,5 metros.
Os traballos previstos céntranse na mellora da drenaxe das augas pluviais e na repavimentación dos viarios, mantendo tanto o trazado como a rasante actuais dos camiños, sen modificar a súa configuración.
Manu Lourenzo subliña que «a nosa prioridade é seguir investindo na mellora dos servizos e das infraestruturas municipais, especialmente naqueles puntos nos que o paso do tempo e o uso fan necesarias intervencións. Queremos un Soutomaior con servizos e infraestruturas de calidade en todas as parroquias, porque o rural tamén é unha parte esencial do noso municipio».
O proxecto técnico, redactado por InfoUrban Gestión de Proyectos S.L. por encargo do Concello, establece para as obras no camiño de Barreiriña e camiño do Carrascal cun orzamento base de licitación de 84.218,30 euros (IVE incluído).
Esta actuación enmárcase na liña de investimentos municipais destinada á conservación, modernización e mellora das infraestruturas públicas, cunha atención especial ás necesidades do medio rural e á calidade de vida da veciñanza. As obras contan co financiamento do Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra, unha colaboración que permite seguir avanzando na renovación e mellora dos camiños municipais.