O centro de Soutomaior tamén foi distinguido co premio «Bibliotecas que inspiran» da Xunta e supera os 9.000 euros recibidos en premios e subvencións no último ano
30 de setembro. A Biblioteca Municipal Luís Seoane de Soutomaior volve estar entre as bibliotecas recoñecidas co Premio María Moliner do Ministerio de Cultura, que recibe por quinta vez nos últimos seis anos. O galardón recoñece nesta ocasión o programa «Dálle a volta á biblioteca», unha iniciativa que durante a segunda quincena de outubro enche o centro de actividades para todos os públicos con motivo de diferentes efemérides, como o Día das Escritoras ou o Día das Bibliotecas.
Soutomaior é, xunto con O Grove, Mos, Tomiño e Redondela, un dos cinco concellos da provincia de Pontevedra que obtiveron este ano este recoñecemento. O Premio María Moliner está convocado anualmente polo Ministerio de Cultura para distinguir proxectos de animación á lectura desenvolvidos por municipios de menos de 50.000 habitantes que dispoñen dunha biblioteca pública con persoal ao seu cargo. Na actual edición concédense un máximo de 370 premios, cunha dotación individual de 2.777,77 euros.
A este recoñecemento súmase o premio «Bibliotecas que inspiran» da Xunta de Galicia, dotado con 3.000 euros, que a Biblioteca Municipal de Soutomaior conseguiu na súa última edición na categoría de concellos de menos de 10.000 habitantes. Trátase, ademais, da única biblioteca desta categoría que recibiu este premio en dúas ocasións.
Máis de 9.000 euros en premios e subvencións
No último ano, a Biblioteca Luís Seoane recibiu máis de 9.000 euros entre premios e subvencións, recursos que permiten continuar mellorando e ampliando os fondos bibliográficos.
Ademais dos premios María Moliner e «Bibliotecas que inspiran», a biblioteca contou con 813,35 euros para a adquisición de novidades editoriais, 1.653,65 euros para a mellora das coleccións bibliográficas e 836,90 euros do programa Ler conta moito, todas elas da Consellería de Cultura.
Estes fondos permiten renovar exemplares deteriorados, incorporar novas publicacións, investir en lecturas adaptadas e manter actualizados os fondos destinados ás lecturas escolares, ademais de dar resposta á elevada demanda de novas lecturas por parte das persoas usuarias.
Os préstamos medran un 30 % desde 2023
O recoñecemento ao traballo da Biblioteca chega acompañado dun importante crecemento no uso das súas instalacións e servizos. Os datos de préstamos marcan cifras récord e reflicten un incremento do 30 % respecto de 2023.
Soutomaior xa se atopaba en 2023 entre as dez bibliotecas municipais galegas con maior número de materiais prestados, cunha media de 1.500 préstamos anuais por cada mil habitantes. En 2025, esta cifra ascendeu ata os 1.677 préstamos por cada mil habitantes, case un 12 % máis en só dous anos.
En termos absolutos, a Biblioteca Municipal Luís Seoane rexistrou 10.253 préstamos en 2023, 11.653 en 2024 e 12.724 en 2025. No que levamos de 2026 xa se contabilizan preto de 10.000 préstamos e, de manterse a tendencia actual, a previsión é alcanzar os 13.468 préstamos ao final do ano, o que suporía un novo récord e un incremento estimado do 5,85 % respecto de 2025.
A evolución tamén se reflicte na media diaria: mentres en 2023 se rexistraban 41 préstamos ao día, actualmente a cifra sitúase en 54, e neste 2026 o volume medio mensual supera por primeira vez os 1.100 préstamos.
Máis persoas usuarias e novos carnés
O número de persoas usuarias activas tamén experimentou un importante crecemento. Desde 2023, a Biblioteca Municipal incorporou máis de 90 persoas usuarias activas, pasando das 683 rexistradas nese ano ás 773 de 2025.
A mesma evolución se observa nos novos carnés expedidos: 151 en 2023, 183 en 2024 e 207 en 2025, unha mostra do crecente interese da veciñanza polos servizos e recursos da biblioteca municipal.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destaca que o novo Premio María Moliner “pon o broche a todo un ano de recoñecementos para a nosa Biblioteca Municipal, que a sitúa, por méritos propios, entre as mellores bibliotecas públicas de Galicia”.
“Se isto é así é pola enorme labor que todo o equipo da Biblioteca e o persoal do Concello están a facer en colaboración con todas as persoas usuarias, ás que só podo dedicar palabras de agradecemento”, sinala Cernadas.
Desde o Concello destacan que estes recoñecementos e as cifras de utilización evidencian o papel fundamental da Biblioteca na vida cultural de Soutomaior, como espazo de acceso á lectura, á cultura e ao coñecemento para toda a veciñanza.



