O Concello aproba, cos votos a favor do Goberno e en contra do Partido Popular, un orzamento de 6,48 millóns de euros para 2027, un 5 % máis que o exercicio anterior, sen débeda financeira, coas taxas conxeladas e cun aforro neto superior aos 370.000 euros.
20 de novembro. O Concello de Soutomaior aprobou hoxe, no pleno extraoridonario celebrado esta mañá, o maior orzamento inicial da súa historia, cunha previsión de ingresos e gastos de 6.484.020,98 euros, o que representa un incremento do 5 % con respecto ao pasado ano. Unhas contas que reforzan as prioridades do Goberno municipal: a protección social, o rural e o investimento, mantendo ao mesmo tempo a estabilidade económica, a sustentabilidade financeira e a conxelación das taxas municipais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que este orzamento é o resultado dunha xestión económica rigorosa e dunha planificación que permite aumentar os recursos destinados ás prioridades municipais sen incrementar a presión fiscal sobre a veciñanza.
«Estamos ante un orzamento histórico, pero sobre todo ante un orzamento que responde ás necesidades de Soutomaior. Máis protección social, máis investimento e máis atención ao rural, sen subir os impostos. Os números non fallan: este resultado é froito dunha boa xestión económica e do traballo de moita xente. Un concello constrúese así, con planificación e traballo», sinalou o rexedor.
Un dos aspectos máis destacados destas contas é que o Concello mantén a ausencia de débeda financeira e presenta un aforro neto positivo de máis de 370.000 euros. O orzamento cumpre cos criterios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, respecta o límite de gasto non financeiro e garante a autonomía e suficiencia dos recursos propios para manter uns servizos públicos eficaces e eficientes.
Máis dun 25 % de incremento en protección social
A protección social é unha das grandes prioridades destas contas. Esta área experimenta un incremento superior ao 25 %, ata alcanzar os 1.174.598 euros, destinados principalmente ao Servizo de Axuda no Fogar e á dependencia.
Ademais, o orzamento reserva 20.000 euros para emerxencias sociais e 4.500 euros para axudas de material escolar, reforzando os recursos municipais para atender as necesidades das familias e das persoas que máis o precisan.
Máis recursos para o rural e a actividade económica
As actuacións económicas tamén experimentan un importante impulso, cun incremento superior ao 26 %, ata situarse nos 606.600 euros. Dentro desta partida destacan os 217.452 euros destinados á conservación e reposición de camiños veciñais do rural, unha aposta polo mantemento das infraestruturas e pola mellora da calidade de vida nas parroquias.
Un 33,27 % máis en investimentos reais
O capítulo de investimentos reais aumenta un 33,27 %, ata alcanzar os 370.377 euros. Entre as actuacións previstas inclúense 123.000 euros para saneamento, con cargo ao canon de Viaqua.
O Goberno municipal explica que o volume de investimento responde tamén a unha planificación previa que permite optimizar os recursos. Así, a partida destinada á redacción de proxectos urbanísticos redúcese porque a maioría dos proxectos necesarios xa están contratados, en execución ou pendentes de informes.
A planificación permite aforrar máis de 90.000 euros
A boa planificación tamén se traduce nunha redución de gastos. O Concello estima un aforro superior aos 90.000 euros na organización de eventos, grazas á contratación anticipada e á captación de máis financiamento externo.
«Non se trata simplemente de gastar máis, senón de gastar mellor. A planificación permítenos optimizar os recursos públicos, conseguir financiamento doutras administracións e destinar máis fondos ás cuestións que realmente importan», apuntou Manu Lourenzo.
O alcalde lembrou tamén que neste último trimestre hai case catro millóns de euros en investimentos na rúa, unha mostra do volume de actuacións que o Concello está impulsando e executando.
Con estas contas, Soutomaior afronta o novo exercicio cun orzamento histórico que combina reforzo dos servizos públicos, atención ás persoas, investimentos e compromiso co rural. Todo iso mantendo as taxas municipais conxeladas e reducindo a presión fiscal sobre a veciñanza.