- O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu hoxe a todas as persoas que traballaron arreo e fixeron todo o posible o éxito desta edición da Festa da Ostra.
- pregoeiro, o contador de historias “Celsiño” foi quen de comulgar coas ostras e dixo que Arcade é capaz de facer democrática a ostra “ nesta festa podemos comer coma reis e podemos comer coma curas”.
- Unha Festa da Ostra pola que xa pasaron, ao longo da fin de semana, máis de 30 mil persoas.
6 de abril, Soutomaior. Hoxe a XXXVII Festa da Ostra viviu o seu día grande, un día cheo de emoción e de reencontros, un día de festa que nesta edición comezou ben cediño co pasarrúas da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural de Arcade que encheron de música e de alegrías as rúas desta parroquia. Unha vez que chegaron ao peirao ofreceron un pequeno concerto antes os milleiros de persoas que dende as 12:30 h. xa estaba na carpa do Peirao de Arcade.
O tempo acompañou nesta xornada, e a xente non fallou, milleiros de persoas baixaron nesta mañá e mediodía a desfrutar e a degustar a XXXVII edición da Festa da Ostra. Nunha carpa ateigada o público asistente puido desfrutar da ostra ao natural e da gastro experiencia OsTrés, conformado por tres cociñados de ostras Ostra “A Touca” á galega con ramallo de mar, ostra adobada en salsa teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ostra en escabeche tradicional. Uns pratos cociñados polo Calidus Catering que lidera o veciño de Soutomaior Joaquín Lema e que foron un auténtico éxito nesta edición. Todo, maridado cos mellores viños Albariños de Soutomaior (Noelia Bebelia, María Vinyals e Quinta da Eiras).
Ás 13:00h. chegou a quenda do pregón, antes de darlle paso ao pregoueiro Manu Lourenzo, o alcalde de Soutomaior, agradeceu o “enorme” traballo realizado polos funcionarios do concello, ostricultores, adegueiros e todas as persoas que tiveron que estiveron involucradas con esta edición e fixeron que fose un rotundo éxito. Lourenzo dixo que un ano máis síntese orgulloso do seu pobo e do cariño co que trata e co que se vive a Festa da Ostra. Tamén tivo unha mención especial para Joaquín Lema, pola súa implicación con esta Festa, a máis importante de Arcade. Tras as súas palabras presentou e deulle paso ao pregoeiro deste ano, o monologuista e excelente contador de historias Celso Fernández “Celsiño”.
Celsiño, de Lalín de nacemento pero actualmente veciño de Soutomaior, comezou a súa intervención apelando a súa sorpresa por ser o pregoeiro desta edición afirmando que “como me dixo hai pouco o meu amigo zamorano e grande contador, Jose Luis Gutierrez, cando eu lle contei a miña sorpresa porque me encargasen a min, unha persoa do interior e non da costa, este pregón, el díxome, e como non, se no interior estivestes sempre condenados ó ostracismo”.
No seu pregón Celsiño dixo que quixo falar das ostras como falaría das castañas do castiñeiros, “un froito gardado nun envoltorio protector, que como conta Quico Cadaval, nos soutos da costa varean en verde coma se fosen oliveiras, para que a castaña non se pudra ó caer ó chan. A xente varea as pólas para que caian os ourizos e ábrenos coas mans, porque as espiñas en verde inda non pican. Abrir e comer directamente do mar unha ostra é coma comer unha castaña apenas cocida en leite ó que lle engades unha area de sal”. Un pregón onde Celsiño dixo que Arcade é capaz de facer democrática a ostra “ nesta festa podemos comer coma reis e podemos comer coma curas”.
Tralo pregón o grupo Fernando Sánchez Jazz Cuartet amenizou, se cabe máis, a degustación de ostras e de Albariño de Soutomaior no Peirao de Arcade.
Unha Festa da Ostra que esta tarde pechará esta edición e onde poderemos desfrutar do directo e diversión dos Festicultores a partir das 18:00h. no Peirao de Arcade.