- O monólogo de Carlos Blanco colgou o cartaz de “completo” despois de que as entradas, de balde, se esgotasen en menos de unha hora.
- Unha actuación que chega ao Soutomaior grazas á programación Goza do teu Punto G de Normalización Lingüística.
Soutomaior, 22 de marzo. A pasada noite Carlos Blanco tivo un cheo absolto no Multiúsos coa presenza de máis de 250 persoas que non se quixeron perder a posta en escena do último monólogo deste coñecido e popular artista galego “A Penúltima”.
Unha xornada onde Soutomaior viviu en primeira persoa como a súa veciñanza aposta pola cultura galega e polo programa de normalización lingüística Goza do teu Punto G, o galego dáche un Punto.
Carlos Blanco iniciou o seu monólogo dicindo que “por fin veño a Soutomaior, levo máis de 30 anos de profesión enriba do escenario e durante todo ese tempo non recibín nunca unha chamada deste concello, parece que me tiñan tachado cunha cruz”. Durante os máis de 60 minutos que durou o monólogo con Carlos Blanco as e os asistentes pasaron pola historia das orquestras e grupos galegos, polo Entroido de Laza, coñeceron aos Vidales, fixeron unha viaxe a Londres, coñeceron as similitudes entre o galego e o inglés, tomaron un café no Bar Arcade, fixeron o Camiño de Santiago, descubriron o primeiro amor de Tita Cervera, asistiron a unha retransmisión dunha procesión moi especial en Ferrol e descubriron o apartado de citas dun xornal local.
Foi máis dunha hora de risas, de divertimento, de anécdotas e de desfrutar do humor do país, do humor de Carlos Blanco.
Unha cita para a cal se repartiron, de balde, máis de 250 entradas, o aforo do Multiúsos de Arcade estivo completo. De tal xeito que Soutomaior amosou con creces, a súa aposta pola cultura galega e polo programa Goza do Teu Punto G. As e os interesados puideron adquirir un máximo de 2 entradas por persoa.
Un programa de Normalización Lingüística “Goza do teu Punto G” que xa ten axendados moitos máis espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Tarabela Creativa que estará no Multiúsos o vindeiro 29 de marzo, Talía Teatro o 10 de maio, Excéntricas 13 de abril ou o Centro Dramático Galego o 6 de xuño, unha programación que tamén traerá os monólogos de Isa Risco o 11 de abril, de Avelino González o 23 de maio, de Celsiño o 30 de maio ou o de Arantxa Treus o 16 de maio, espectáculos todos eles cos que imos rir e partillar.
Unha campaña que tamén ten como obxectivo impulsar o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles for-mación que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego para apostar polo valor engadido que supón a incorporación do galego na venda de produtos e dos servizos que prestan; o galego nas Tic aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello pero tamén impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer e de formación que fomenten o uso da lingua, etcétera