Este sábado, 3 de maio, Soutomaior comeza a celebración das Letras Galegas homenaxeando a “Maruja da Cregha”, tocadora de pandeiro de Cortellas (Soutomaior). Unha figura indispensable para a nosa cultura e a música tradicional polo seu legado como cantareira e tocadora.

29 de abril, Soutomaior. O concello de Soutomaior presenta, dende a área de Normalización Lingüística, o inicio da celebración das Letras Galegas. Unha celebración, que nesta xornada deu a coñecer a concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, que comezará este venres 2 de maio e que se centrará no sábado día 3 coa homenaxe a “Maruja da Cregha” de Cortellas.

O venres 2 de maio terá lugar o obradoiro de construción dun pandeiro cadrado. No cal as persoas participantes irán adquirindo coñecemento a medida que os poñen en práctica para construír e rematar o pandeiro que levarán consigo ao finalizar. Un obradoiro impartido por Xosé Maceda Gallego e dirixido ao público de máis de 12 anos. Desenvolverase en horario de 19:00h – 23:00h na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval (Soutomaior). Unha cita que será de balde e cotará con prazas limitadas (mínimo 8 e máximo 12) as inscricións en liña abriranse esta tarde a partir das 17:00h. en www.soutomaior.gal.

O día central desta homenaxe será o sábado 3 de maio,  xornada comezará ás 13:00h Casa do Concello coa colocación da estatua en homenaxe a: MARÍA GRANDE SOBRAL ”Maruja da Cregha”, tocadora de pandeiro (Cortellas 1931-2013).

Xa pola tarde, ás 16:00h. terá lugar o descubrimento da placa ‘Maruja da Cregha’, o punto de encontro será a súa casa natal, na aldea de Cortellas nº 28,  onde, en compañía da súa familia, dende o concello de Soutomaior terán a honra de iniciar o recoñecemento expreso desta figura indispensable para a nosa cultura.

Ás 16:30h. dará comezo a Palestra ‘Maruja, entre pandeireteiras anda o conto’. Maruja foi unha tocadora esencial, das últimas portadoras da viva tradición de tocar o pandeiro na zona de Pontevedra. O seu legado será o fío condutor desta mesa na se falará da oralidade e música tradicional da nosa cultura. Unha cita moderada por Vane Barreiro, veciña de Cortellas e na que participarán Xabier Díaz, músico galego. Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional; Lucía Lorenzo,  editorial OQO e membro do Grupo de Baile e pandeireteiras de Soutomaior, de Cantares de Brión e do grupo Volta e Dálle; Marcelo Dobode, artista multidisciplinar en arte galego, creacións en música, teatro, danza, pintura, escultura; Isabel Blanco, cantareira de Lourido (Soutomaior) e Olalla Lomba e Begoña Fernández, o relevo das pandeireteiras de Soutomaior.

As 18:30h. será a quenda do obradoiro de baile tradicional, onde se vai a bailar e recoñecer ritmos básicos e as estruturas do baile tradicional, así como os puntos da nosa zona. Unha cita que será de balde, sen inscrición previa e que estará impartida por Marcelo Dobode. Destinada a público xeral de máis de 10 anos.

Unha xornada especial que rematará co SERÁN POLA LINGUA, na carpa instalada en Cortellas. Dende o concello a todo o mundo a celebrar esta festa e a que veñan a tocar e a bailar coa mellor música tradicional. Un serán que comezará ás 20:00h. e onde non faltarán os petiscos para as persoas asistentes.