Máis de 500 corredores e corredoras se deron cita na Alameda de Talo Río para desfrutar da segunda edición da carreira popular, gañada na categoría masculina por Ismael Lago e na categoría feminina por Carolina Santos 

29 de decembro. Unha Alameda de Talo Río absolutamente abarrotada acolleu este sábado a II San Silvestre de Soutomaior. As expectativas estaban moi altas despois do éxito da primeira edición, e desde o momento mesmo da inscrición quedou demostrado que estas expectativas ían ser superadas. Así, máis de 500 corredores e corredoras déronse cita en Arcade para participar na carreira popular.

A II San Silvestre de Soutomaior desenvolveuse sen maiores incidencias e o público asistente puido desfrutar tanto da carreira adaptada como da carreira xeral, na que Ismael Lago coronouse na categoría masculina e Carolina Santos na categoría feminina. Completaron os podios Alexandre Abanqueira (2º) e Brandol Ferreira (3º); Judith Barros (2ª) e Erika Souto (3ª) respectivamente.

En canto aos corredores locais, os primeiros en cruzar a liña de meta foron Adrián Crespo, Mateo Otero e Fabio Crespo. Tras a entrega de premios aos mellores corredores e corredoras, chegou a quenda de recolecer os mellores disfraces individuais e colectivos. Finalmente Dj Milucho puxo remate á festa da San Silvestre coa mellor música.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, valorou moi positivamente o desenvolvemento da II San Silvestre de Soutomaior. “Tras o éxito da primeira edición tiñamos claro que isto chegara para qudar, e vendo canto creceu a carreira este ano, está claro que o tempo deunos a razón. É unha gran alegría ver a tantos veciños e veciñas do noso concello e a tantos visitantes desfrutar dunha actividade deportiva ao aire libre como a San Silvestre”.

Así, o alcalde destacou a gran participación ata o de agora en todas as actividades do Nadal en Soutomaior. “Foron meses de traballo co obxectivo de preparar a mellor programación de Nadal da historia de Soutomaior para a nosa veciñanza. Vivir o Nadal en Soutomaior non é só un lema, é unha realidade tanto para os veciños e veciñas do noso concello como para os centos de persoas dos concellos veciños que durante este mes están achegándose a Soutomaior”.