28 de maio.  O concello de Soutomaior acollerá o vindeiro 20 de xuño a súa terceira Gladiator Kids Race, unha modalidade de carreira de obstáculos para que os máis pequenos e pequenas do noso concello desfruten practicando deporte ao tempo que viven unha auténtica aventura.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, presentaron hoxe esta terceira edición da Gladiator Kids Race. O evento terá lugar o día 20 de xuño no Peirao de Arcade a partir das 16:30 horas. Poderá participar calquera menor que teña entre 3 e 11 anos,  as nenos e nenas de 3 a 11 anos deberán ir acompañado ou acompañada por unha persoa adulta durante o transcurso da proba deportiva. En total hai 300  prazas (sen contar as persoas adultas acompañantes) e as inscricións, que son totalmente gratuítas, xa están abertas en https://www.deporticket.com/web-evento/13287-gladiator-kids-soutomaior

Tal e como se explica no regulamento da carreira, haberá dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros. Só as crianzas superarán os obstáculos, mentres que a persoa adulta acompañante encargarase de dar apoio. A proba empezará ás 16:30 horas mediante un sistema de “Quendas”. Cada 5 minutos sairá unha quenda composta por un máximo de 15 nenos/as cada unha. Dous días antes do evento enviarase a cada participante o horario da quenda na que participará.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “desde o Concello de Soutomaior seguimos apostando por actividades deportivas pensadas para desfrutar en familia, fomentar hábitos saudables e promover valores como o compañeirismo, o esforzo e a diversión. A Gladiator Kids Race é xa unha cita moi especial para moitos nenos e nenas do noso concello e da contorna.”

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, dixo que estaba seguro de que “as e os pequenos que participen na Soutomaior Gladiator Kids Race volverán a desfrutar este ano dunha tarde incrible, nun espazo único como é o Peirao de Arcade e vivindo unha experiencia inesquecible ao tempo que fan deporte. Queremos animar a todas as familias a participar e vivir unha tarde diferente no Peirao de Arcade, nun evento pensado para que os máis pequenos e pequenas sexan os verdadeiros protagonistas”.