O campamento, incluído na programación de Verán Activo, ofreceu durante esta semana unha completa experiencia de deporte, natureza e convivencia para a mocidade de Soutomaior.

Soutomaior, 27 de xullo de 2026. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira Charo Bouzón, visitaron ás 60 mozas e mozos que participaron durante esta semana no Campamento de Surf de Razo, organizado dentro do programa Verán Activo do Concello de Soutomaior e desenvolvido nas instalacións de ArtSurfCamp na praia de Razo, no concello de Carballo.

As persoas participantes, de entre 12 e 17 anos, comezan unha experiencia que combina a aprendizaxe e perfeccionamento do surf cun amplo programa de actividades de lecer e convivencia nunha contorna natural privilexiada como é a praia de Razo, en Carballo.

Durante a visita, Manu Lourenzo e Charo Bouzón puideron compartir un intre coa mocidade, coñecer de primeira man o desenvolvemento do campamento e interesarse polas actividades que están a realizar ao longo destes días.

O Campamento de Surf volveu esgotar todas as súas prazas, consolidándose como unha das propostas máis demandadas da programación estival. Ao longo da semana, as mozas e mozos participan en sesións de surf adaptadas ao seu nivel, rutas de sendeirismo, veladas nocturnas e diferentes actividades deportivas e de ocio que fomentan hábitos de vida saudables, o compañeirismo e o respecto polo medio natural.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “este campamento é unha oportunidade para que a nosa mocidade desfrute dun verán activo, facendo deporte, coñecendo unha contorna natural excepcional e creando amizades e experiencias que lembrarán durante moito tempo. Desde o Concello seguimos apostando por ofrecer actividades de calidade que respondan aos intereses da xente nova”.

A actividade remata hoxe, 30 de xullo, as mozas e mozos chegarán ao concello a media tarde tras cinco días de deporte, convivencia e experiencias inesquecibles á beira do mar.

O Concello continúa impulsando o programa Verán Activo cunha ampla oferta de actividades para a infancia e a mocidade, promovendo alternativas de ocio educativo, saudable e accesible durante os meses de vacacións.