• Máis de 100 persoas asistiron a comida veciñal do Galo con Arroz. Unha cita que estivo amenizada polo “Dúo Marema”.
  • O Entruido de Soutomaior aínda lle quedan dúas citas importantes por celebrar: A Fiada e o Enterro da Sardiña.

3 de marzo, Soutomaior. A fin de  semana comezou pisando forte co desfile, o venres, das pequenas e pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro que encheron de lur e de cor as rúas de Arcade. Nun desfile, onde grazas ao obradoiro que o antropólogo Rafa Quintía ofreceu neste centro, tamén saíron un grupo de Entruidos coas súas máscaras feitas para a ocasión.

O sábado 1 de marzo toda a actividade estivo centrada na Casa do Pobo da Pedreira, onde tivo lugar o Encontro de Entruidos coa sesión vermú protagonizada por “Fanfarria Furruxa” e a procesión do Galo. A continuación, tivo o Xantar Veciñal do Galo con arroz,  o grande protagonista, unha cita, onde dende o concello convidaron a todas as asociacións a participar neste punto reencontro e de unión do pobo. Tralo xantar, ao que asistiron máis dun cento de persoas, tivo lugar  unha divertida e amena verbena protagonizada polo “Dúo Marema”.

O domingo, 2 de marzo, as pequenas e pequenos foron os grandes protagonistas coa súa Festa infantil: Quiquiriquí o galo corre aquí, unha cita que se celebrou na carpa de Entruid, instalada na Alameda de Talo Río, e onde as quiricas e quiricos fixeron moitos xogos populares e onde puideron desfrutar, cantar e bailar grazas ao gran  espectáculo de “Barafunda no galiñeiro”.

Aínda quedan por diante dúas citas importantes para o Entruido en Soutomaior. Unha será mañá martes, 4 de marzo, martes de Entruido e virá marcada pola fiada. A fiada estará amenizada con música e baile tradicional coa participación de gaitas, pandeiretas, bailadores/as,… Unha cita onde participarán as pandereteiras de Gharghamala  pandereteiras de Aboal  as de TouTón de Pazos de Borbén, Pandereteiras de San Vicente, e  da Hermida, e moitas máis. Todo aquel que queira unirse está convidado a participar nesta Fiada do martes de Entruido que se celebrará de 20:30 a 00:00h.

E para rematar o Entruido, o concello de Soutomaior volve a recuperar o enterro da sardiña, unha cita que terá lugar este mércores, 5 de marzo, mércores de cinza, e que sairá ás 19:30h. da Praza de Cima de Vila. O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizar no campo da petanca onde despediremos a nosa sardiña. Un evento no que colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.