• Uns premios que recaeron, na categoría adulta, en Rosalía Otero Couñago cun total de 89 préstamos e, na categoría infantil e xuvenil, en Noel Castro con 377 préstamos.
  • Soutomaior aparece como o décimo concello de toda Galicia con maior número de préstamos na súa Biblioteca cun total de 1500 préstamos por cada 1000 habitantes.

Soutomaior, 11 de xaneiro. Hoxe, 11 de xaneiro, celébrase o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas en Galicia, unha xornada que se conmemora hoxe porque foi o día no que se inaugurou a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura no ano 2011.

A Biblioteca Municipal de Soutomaior celebrou onte por vez primeira este día agasallando ás persoas máis lectoras nas súas respectivas categorías, un premios que foron entregados polo alcalde, Manu Lourenzo, e pola conselleira de Cultura, Silvia Cernadas. O premio na modalidade infantil-xuvenil consistiu nun lote de xogos de mesa e papelería e, na modalidade de adultos, nunha cesta de produtos locais elaborados en Soutomaior. Ademais, ambas persoas premiadas levaron unha lámina da artista local Alba Troiteiro. Na categoría de adultos, a premiada foi Rosalía Otero Couñago cun total de 89 préstamos e, na categoría infantil e xuvenil, Noel Castro, cun total de 377 préstamos.

Ademais, a Consellería de Cultura deu a coñecer un estudo que cuantifica o beneficio social das bibliotecas públicas e onde Soutomaior aparece coma o décimo concello de toda Galicia con maior número de préstamos: un total de 1500 préstamos por cada 1.000 habitantes. O dato é significativo, pois non só se refire ás bibliotecas públicas municipais, senón que tamén recolle todas as bibliotecas públicas das grandes cidades.

As bibliotecas con maior número de préstamos son: Ortigueira (2105 préstamos), Beariz (2044), Oleiros (1940), Neda (1918), A Coruña (1737), Santiago (1672), A Mezquita, (1594), Ourol (1559), Nigrán (1557) e Soutomaior (1500), que aparece neste listado superando a Leiro, O Porriño, Pontedeume, Rodeiro, Lugo, Salceda de Caselas, Pontevedra, Ourense, Covelo, Cedeira, Corcubión, Cambre, Padrón, Ribadeo e O Grove.

Soutomaior ten unha relación de 4.629 documentos na biblioteca municipal por cada 1.000 habitantes (cun total de máis de 35.000 volumes) e 67 adquisicións por cada 1.000 habitantes.

O 43,94% da poboación do Concello está inscrita na biblioteca (hai 3.500 persoas usuarias), porcentaxe que vai subindo de forma significativa, estando xa entre o grupo de concellos con maior porcentaxe de persoas inscritas.

Ademais, só en 69 concellos galegos as bibliotecas abren máis de 260 días ao ano, o que equivale a cinco días á semana (sen contar festivos e vacacións). E Soutomaior é un deles con 264 días de apertura ao ano.

A concelleira de cultura, Silvia Cernadas, quixo agradecer a implicación dos veciños e das veciñas de Soutomaior, así como de todo o persoal da biblioteca municipal e do concello que fan posible que a Biblioteca “Luís Seoane” de Soutomaior sexa un centro cultural de referencia polo número de visitas, préstamos, subvencións e premios acadados.