A campaña chegará a administración local, á música, ás artes escénicas, ao deporte e, en definitiva, ao día a día das veciñas e veciños de Soutomaior. Unha campaña en positivo e cun toque de humor para poñer en valor todo o que podemos ser dende o galego.

23 de xaneiro. O Concello de Soutomaior sempre estivo á vangarda no noso idioma, foi o primeiro concello en ter unha rúa co nome de Castelao, o primeiro en ter unha rúa co nome de Alexandre Bóveda e tamén o primeiro concello en ter unha ordenanza de Normalización Lingüística, unha ordenanza que se modificou no ano 1999 e que foi aprobada por unanimidade no pleno da corporación.

Esta situación convirte a Soutomaior nun concello de referencia na defensa do idioma e ante esta situación e cos últimos datos que se publicaron do uso do Galego, segundo os datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que certifican que son xa máis os e as cidadáns que residen en Galicia falando sempre en castelán, un 29,66%, que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua, un 24,37%. Con estes datos sobre a mesa dende o concello de Soutomaior teñen claro a defensa do idioma e tal e como sinalou nesta xornada o alcalde de Soutomaior e concelleiro de Normalización Lingüística, Manu Lourenzo, “por este motivo decidimos levar adiante unha campaña en positivo, transversal e cun toque de humor para poñer en valor todo o potencial que ten o noso pobo e todo o que podemos ser dende o galego”.

Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día e por iso levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública, actividades de promoción de galego no ensino e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”.

O Concello de Soutomaior impulsará accións a través das áreas que proxectan e conectan directamente coa cidadanía impulsando o galego na escena, ofertando unha axenda municipal na que programaremos espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro dramático galego; na música e monólogos de Carlos Blanco, Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus cos que imos rir e partillar, propostas musicais nas que artistas de renombre e gran tradición como por exemplo os que se realizarán na Igrexa de San Salvador como o de Mini Rivas ou Tino Baz porán en valor a nosa música e todo o noso acervo lingüístico; impulsando o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles for-mación que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego para apostar polo valor engadido que supón a incorporación do galego na venda de produtos e dos servizos que prestan; o galego nas Tic aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello pero tamén impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer e de formación que fomenten o uso da lingua…