As súas maxestades atenderon aos nenos e nenas do concello na carpa de Talo Río, engalanada para a ocasión.

Soutomaior, 5 de xaneiro. A Cabalgata de Reis de Soutomaior deu comezo este domingo ás 18:00 horas. Finalmente o percorrido foi algo máis curto debido ás condicións climatolóxicas, saíndo desde o cruce de Pierres. Porén, isto non impediu que que os Reis Magos, despois de achegarse pola mañá á Casa da Cultura Rexina Míguez Noval, trouxesen a Arcade a súa maxia na noite máis especial do ano.

A cabalgata iniciou cun primeiro tramo silencioso, sen música, adaptado para que calquera persoa, fose cal fose a súa condición, poidese desfrutar do desfile, no que se repartiron máis de 300 quilogramos de caramelos sen glute. Ademais da carroza real, na Cabalgata participaron tres comparsas: Miúdos, Moreira A Tope e Luces de Tomiño. Ademais, tamén participou o Bando de Reis de Arcade de Riba, impulsado pola Asociación Veciñal Pozovello.

A Cabalgata rematou na Carpa de Nadal en Talo Río, onde o alcalde Manu Lourenzo foi o encargado de recibir aos Reis Magos e acompañalos ata o interior da carpa, onde os esperaban os seus tronos. Xa alí, as súas maxestades atenderon as nenas e os nenos do concello que se achegaron para dar as súas cartas e conversas cos Reis Magos.