Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa presentaron unha nova edición do programa, dirixido a crianzas de 3 a 16 anos, que este Nadal as converterá en axudantes de Papá Noel na Academia de Elfos e Elfas.

Soutomaior, 14 de novembro. O Concello de Soutomaior pon en marcha unha nova edición do Concilia de Nadal, un programa que combina conciliación familiar, lecer e aprendizaxe durante as vacacións escolares.

O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, presentaron esta iniciativa, dirixida ás crianzas empadroadas no municipio de entre 3 e 16 anos.

Manu Lourenzo destacou que «queremos ofrecer ás familias recursos que faciliten a conciliación durante as vacacións escolares e, ao mesmo tempo, que os nenos e nenas poidan desfrutar dun Nadal cheo de actividades, convivencia e diversión».

Pola súa banda, Rosana Martínez Boullosa puxo en valor a importancia de ofrecer un servizo accesible e adaptado ás diferentes necesidades das familias, cunha programación educativa e lúdica para todas as idades.

INSCRICIÓNS: DO 16 AO 20 DE NOVEMBRO

As solicitudes deberán presentarse por rexistro a través da sede electrónica municipal: https://soutomaior.gal/sede-electronica/

As familias que precisen axuda poderán realizar o trámite nas oficinas do Concello ou no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), de 9:00 a 14:00 horas.

HORARIOS DO SERVIZO

As familias poderán escoller entre catro modalidades:

Opción 1: de 9:00 a 14:00 h.

Opción 2: de 8:00 a 14:00 h. (aula matinal).

Opción 3: de 8:00 a 15:00 h.

Opción 4: de 9:00 a 15:00 h.

ASIGNACIÓN DE PRAZAS

As prazas asignaranse segundo criterios de vulnerabilidade e necesidades de conciliación, valorando especialmente:

Familias empadroadas ou con actividade laboral en Soutomaior; familias monomarentais ou monoparentais; mulleres en situación de desemprego ou vítimas de violencia de xénero; persoas perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; familias con diversidade funcional; familias numerosas; unidades familiares con ingresos inferiores a 23.000 euros.

Para acreditar estas circunstancias será necesario achegar a documentación correspondente: DNI das crianzas e proxenitores, tarxeta sanitaria, documentación laboral, acreditación da situación familiar, certificados de discapacidade ou dependencia e documentación económica, segundo corresponda.

UN NADAL NA ACADEMIA DE ELFOS E ELFAS

Este ano, as crianzas converteranse en auténticos axudantes de Papá Noel e terán que superar diferentes probas para conseguir o seu título oficial de elfo ou elfa.

A programación inclúe sete propostas:

Os chefs de Papá Noel: obradoiro de cociña e receitas de Nadal; O vestiario dos elfos: deseño e elaboración de accesorios e complementos máxicos; Decoradores do Polo Norte: creación de adornos e decoracións de Nadal; A banda sonora do Nadal: concerto de panxoliñas coa Banda de Música de Arcade; O laboratorio secreto: experimentos e elaboración de pócemas máxicas; Os adestramentos élficos: xogos populares na carpa municipal de Talo Río; A linguaxe élfica: códigos secretos, mensaxes misteriosas e xogos de descifrado para as crianzas de Primaria.

Unha proposta para aprender, crear, compartir e vivir a maxia do Nadal mentres as familias dispoñen dun recurso de conciliación.

O programa está subvencionado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.