O Goberno local aprobou en comisión a ampliación das bonificacións a pesar da abstención do PP na votación.
O Goberno de Soutomaior vai levar a cabo a ampliación das bonificacións que actualmente aplica para as súas actividades. Unha medida coa que máis persoas se poderán amparar nestas bonificacións e facilitará o acceso ás actividades municipais a todos os membros das familias.
Para facer efectiva a ampliación destas bonificacións, o Goberno de Soutomaior modificou as ordenanzas que regulan as actividades deportivas, as actividades de promoción da igualdade (benestar social) e as actividades de lecer e tempo libre. Para que estes cambios estean vixentes, as modificacións foron levadas a comisión, onde o Goberno de Soutomaior sacou adiante a votación a pesar de que o PP decidiu absterse e non votar a favor da medida que favorece ás familias de Soutomaior. Agora, o Goberno de Soutomaior levará a modificación á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación definitiva.
En concreto, con estas modificacións Soutomaior aplicará as mesmas bonificacións a todas as actividades. As bonificacións xa non só cubrirán aos irmáns e irmás da persoa menor participante, se non que para a súa aplicación computarán todos os membros da unidade familiar. Ademais, con esta modificación aquelas persoas que, en determinadas circunstancias, se atopen nunha situación de vulnerabilidade temporal, poderán acoller ás exencións das taxas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta ampliación supón un gran paso para achegar a todos os nosos veciños e veciñas a desfrutar da oferta de actividades que programamos”.
O alcalde tamén sinalou que se o Goberno de Soutomaior se atopa agora mesmo en condicións de afrontar esta ampliación das bonificacións e grazas á boa saúde económica na que se atopan as arcas municipais. “Os informes de liquidación, que realizan as funcionarias municipais, son claros e contundentes: o Goberno de Soutomaior mellorou en 2024 todos os indicadores económicos do concello, o que nos permite investir máis ca nunca na veciñanza do noso concello e ter uns orzamentos, os de 2025, que non deixan a ninguén atrás”, concluíu Manu Lourenzo.