O concello de Soutomaior investirá máis de 160.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia, nesta actuación, que consistirá no asfaltado e adecuación de 800 metros de estrada e o acondicionamento de tres núcleos no tramo da actuación para a súa conversión en pequenas prazas.
20 de maio. Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, recibiron nesta xornada a deputada provincial de Turismo, Nava Castro, no barrio do VAL-SOBRAL para coñecer de primeira man as zonas onde se vai a realizar esta importante actuación para o barrio.
O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, o proxecto tamén contempla o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación.
Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas. Así, converteranse en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza.
Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investirá preto de 160.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación Provincial. Uns traballos que estarán rematados antes de que remate este 2025 e mediante os cales se compren dúas necesitades: por unha banda a mellora na mobilidade do barrio e por outra parte crear espazos públicos que poñan en valor tanto a zona arquitectónica da zona como os elementos patrimoniais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con esta actuación daremos solución ás deficiencias que presenta desde hai moitos anos o barrio do Val-Sobral, como pode ser o mal estado xeneralizado da estrada principal e as dificultades de acceso en varios puntos do barrio. Un investimento que rematará cunha inxustiza histórica que existía con este barrio do concello, o Goberno Local quixo sacar adiante este proxecto que suporá unha mellora sen precedentes para o Val-Sobral.
O alcalde sinalou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza. Hoxe en Soutomaior fanse máis obras e investimentos ca nunca grazas a esa planificación estratéxica e a unha xestión económica referendada polos informes de intervención e secretaría, que nos vai permitir destinar máis de 3 millóns de euros en 2025 a investimentos en obras e proxectos”, concluíu Manu Lourenzo.