Emilio Cochón, de AC Racing; Samuel Mallo, de Agecar; e o piloto local Nicolás Orge, protagonistas dunha edición marcada pola alta participación e o espectáculo
Soutomaior, 30 de agosto. Soutomaior celebrou este sábado a vixésima edición da Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba, unha das citas deportivas e festivas máis destacadas do municipio, que volveu reunir a decenas de pilotos e numeroso público ao longo de toda a xornada.
A proba, organizada polo Concello de Soutomaior, a Escudería Pozovello e a Asociación de Veciños de Pozovello, contou coa participación de 65 carrilanas, acadando o límite de inscricións establecido e consolidándose como unha das baixadas con maior participación de Galicia.
Na clasificación desta edición destacaron Emilio Cochón, de AC Racing, e Samuel Mallo, de Agecar, así como o piloto local Nicolás Orge, que acadou un gran resultado nesta XX edición da Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba.
A xornada comezou pola mañá coa verificación das carrilanas, seguida da baixada de adestramento, que permitiu aos participantes tomar contacto co percorrido antes das mangas oficiais. Xa pola tarde tiveron lugar as dúas baixadas oficiais, nas que os pilotos ofreceron un gran espectáculo aos asistentes.
A competición foi, ademais, puntuable para a Copa Galicia, reunindo carrilanas encadradas en once categorías diferentes e bólidos de modalidades como madeira, rodamientos, neumáticos, karts, skeleton, gravity bike ou speed trike, entre outros.
Unha vez rematada a competición celebrouse a entrega de premios, na que participaron os concelleiros Pablo Garrido e Rosana Comesaña, e posteriormente tivo lugar o sorteo das rifas. A programación completouse cunha sesión de DJ e actividades que contribuíron a manter o ambiente festivo durante toda a xornada.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “chegar á vixésima edición cunha participación de 65 carrilanas e co límite de inscricións acadado demostra a importancia que esta proba ten para Soutomaior e para o conxunto de Galicia”. Lourenzo agradeceu tamén “o traballo e a implicación da Escudería Pozovello, da Asociación de Veciños de Pozovello, dos pilotos, voluntariado e de todas as persoas que fan posible que esta cita continúe medrando ano tras ano”.
O alcalde puxo especialmente en valor o gran ambiente vivido durante toda a xornada e felicitou a todos os participantes, cunha mención especial ao piloto local Nicolás Orge polo seu gran resultado nesta edición tan especial.
Pola súa banda, o presidente da Escudería Pozovello e da Asociación de Veciños de Pozovello, José Daniel Álvarez Raña, destacou a satisfacción por celebrar esta vixésima edición: “Chegar aos vinte anos é un motivo de orgullo e unha recompensa ao traballo de moitas persoas durante todos estes anos. Ver Arcade de Riba cheo de xente, cos pilotos desfrutando e o público animando, fai que todo o esforzo pague a pena”.
Desde a organización agradeceron a participación de todos os pilotos e a presenza do público, así como a colaboración de todas as persoas e entidades que contribuíron ao desenvolvemento da proba. A Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba pecha así unha nova edición mantendo viva unha tradición que, vinte anos despois, continúa sendo unha das grandes citas deportivas e festivas de Soutomaior.




